Juan Soriano Barceló: «É unha sensación única botar a andar un proxecto co apoio da sociedade»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A horta en Marrozos dará traballo a seis persoas, catro delas con diversidade intelectual

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva once anos en Santiago, onde se fixo psiquiatra, e dende o 2016 é o presidente de Entrelampo, unha asociación que nace co obxecto de crear emprego para as persoas con problemas de saúde mental graves, o grupo con «peores taxas de ocupación» dentro da diversidade funcional. Juan Soriano Barceló (Castellón de la Plana, 1985), máster en neurociencias e en psicoxeriatría, traballa no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

-Quen está detrás de Entrelampo?

-Convencín a varios amigos e compañeiras e decidimos fundar unha asociación, xa que nos pareceu unha figura xurídica de menor complexidade e que se adaptaba as nosas circunstancias persoais. A meta era crear nunha primeira fase empresas de economía social centradas no sector agroalimentario, viables e con alta visibilidade.

-Que van facer en Marrozos?

-Unha horta para plantar pementos de Padrón, xudías, cebolas, repolos… e dúas autóctonas: o tomate negro de Santiago e o grelo de Santiago, todo ecolóxico. Esperamos empezar en marzo para a campaña do verán.