Un caderno divulgará a Compostela dos tempos da Xeración Nós

La Voz

SANTIAGO

cedida

O Concello repartirá dez mil exemplares do traballo entre a veciñanza

12 nov 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

«Compostela nos tempos de Nós» constitúe o terceiro número da colección de estudos de carácter divulgativo iniciada no ano 2017 con «Compostela 1117», dedicada ao arcebispo Xelmírez; e por «Compostela festiva», no 2018. O novo traballo editado polo Concello de Santiago busca amosar o espírito da Xeración Nós e como era aquela cidade da década dos anos vinte e de principios dos 30. «É unha xanela aberta a esa época tan decisiva que marca un antes e despois en Galicia, introducíndonos na modernidade, como cidade e como país [...] Marcou as pautas do futuro social e galeguista, creou unha capital cultural, e impulsou e dignificou o galego como nunca antes se fixera», destacou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

A publicación, de 32 páxinas, conta cun formato a modo de caderno de viaxe e con marcado carácter divulgativo. «O que quixemos foi contar como era a cidade nos tempos en que se moveron e viviron as persoas da Xeración Nós. En moitos aspectos era bastante distinta da de hoxe porque era máis pequena, xa que practicamente era o territorio das murallas e despois uns barrios desvalazados, así como un Ensanche que quería ser e que malamente eran uns edificios novos no medio de leiras e de naves industriais. Ademais, era unha sociedade xerarquizada, con moita diferenza social», detalla Mercedes Vázquez, que se encargou da labor de investigación e os contidos xunto a tamén historiadora e investigadora Pilar Rodríguez. Lembra, ademais, como a Universidade «foi o espazo de acollida para os intelectuais da xeración Nós», uns porque estaban estudando e outros porque acudían aos actos que organizaba. Outro punto de acollida era a xente das Irmandades da Fala.

O caderno conta con ilustracións de Marcos Vigo, acompañadas de fotos antigas e anuncios. No traballo empregouse un tipo de letra coma a dos libros de Nós e unha tipografía azul. A tirada será de 10.000 exemplares, que serán repartidos entre a veciñanza a través dos centros socioculturais, os centros escolares e as asociacións veciñais. Ademais, tamén se pode solicitar a través do Teatro Principal.