Lorena Casal: «O alumnado pode ser mensaxeiro de beneficios tamén para a súa casa»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Beatriz Cebreiro, Lorena Casal e Carmen Fernández, na Facultade de Ciencias da Educación
Beatriz Cebreiro, Lorena Casal e Carmen Fernández, na Facultade de Ciencias da Educación PACO RODRÍGUEZ

Un grupo da USC elaborou unha guía dos balnearios galegos para a primaria e a ESO

02 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A guía didáctica Os balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde será distribuída en 1.120 centros educativos galegos, orientada especialmente para ser aproveitada nas aulas de quinto e sexto de primaria e primeiro e segundo da educación secundaria obrigatoria (ESO). As súas autoras son Lorena Casal e Carmen Fernández Morante, docentes do departamento de Pedagoxía Didáctica; Beatriz Cebreiro, investigadora principal do grupo de Tecnoloxía Educativa da USC; e a investigadora Alba Elena Martínez, as catro da Facultade de Ciencias da Educación. «Fixemos este traballo porque o profesor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da Facultade de Medicina, contactou co noso grupo e pediu que elaborásemos un material didáctico sobre os balnearios, que integrase aspectos vinculados coas tecnoloxías», explica Lorena Casal.

«Foi así que propuxemos un material en formato papel, que introducise o acceso a ferramentas tecnolóxicas. Así, na guía hai actividades interactivas e unha unidade didáctica desenvolvida en formatos papel e realidade aumentada», acrecenta.

Esclarece esta docente que «a idea era empregar o coñecemento dos balnearios e da cura balnearia, e das augas mineromedicinais galegas, para que o alumnado dos últimos cursos de primaria e dos primeiros de secundaria fose máis sensible e esa riqueza de Galicia. E que se aproveitasen os materiais elaborados para traballar tamén a educación para a saúde e a educación en valores, porque este é un sector importante para Galicia. Valoramos que o alumnado pode ser mensaxeiros de beneficios tamén para a súa casa sobre ese sector, e achegar información valiosas aos pais ou ás persoas con quen convivan». Unha vez elaborado o manual «foi revisado e tivo unha primeira avaliación no colexio O Cruce, de Cerceda. Agora está en fase de distribución a todos os centros educativos».

Lorena confía na utilidade deste material didáctico, porque tamén serve para «traballar na sala de aula aspectos académicos propios de disciplinas curriculares vinculados ao Coñecemento do Medio neses cursos de primaria e da ESO. Permite traballar así mesmo asuntos como o coidado do medio ambiente e a sustentabilidade», comenta.

O Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC ten unha traxectoria de dúas décadas. Nese tempo participou en proxectos internacionais de investigación: «Este traballo, máis local, é valioso para nós, polo que supón de contribuír para pór en valor a nosa terra e os balnearios; foi unha tarefa moi gratificante para o grupo», afirma Lorena Casal.

A maiores «significa dar visibilidade ao traballo que facemos no grupo, no campo da tecnoloxía educativa. Porque a nosa produción non ten toda a visibilidade que debera nos ámbitos escolares. Un proxecto como este permite achegar o noso coñecemento aos centros escolares e ao alumnado non universitario; que non se aproveite o que facemos só na Universidade».

Esta guía didáctica foi lanzada recentemente no Gaiás, con presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e outras personalidades. As intervencións no acto, que contou coa participación da Asociación de Balnearios de Galicia, salientaron o importante patrimonio cultural e sanitario que supoñen estes establecementos. «A finalidade educativa deste proxecto foi crear un entorno de aprendizaxe apoiado en tecnoloxías emerxentes que, combinando códigos textuais e audiovisuais, permitirá que o alumnado se interese polos balnearios e as súas posibilidades de benestar e saúde, e tamén inclúe propostas para fomentar dinámicas dunha aprendizaxe activa e flexible», indica.