Jorge Rey: «O público cambiou, hoxe é experto no teatro de monicreques»

La Voz

SANTIAGO

cedida

O director de Galicreques repasa a evolución do festival durante as súas 25 edicións

14 oct 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

O festival Galicreques celebra a súa vixésimo quinta edición. Para hoxe ten programados catro espectáculos das compañías Xarop Teatro (18.00 horas, CSC de Santa Marta), Papabuis (18.00 horas, carpa da Alameda); La Espada de Madera (19.30 horas, parque da Alameda) e Alakrán (20.00 horas, Principal). Unha edición marcada pola pandemia, na que «a resposta está sendo bastante boa», di o director, Jorge Rey.

-Que balance fan dos 25 anos?

-Dadas as circunstancias, poder facer esta edición xa é positivo. Foron anos con moitos espectáculos e é moi reconfortante para nós poder chegar ata aquí. O festival empezou con moi poucas compañías e foi medrando ano tras ano. Agora temos programacións nas que participan máis de 20-25 compañías e empezamos con catro galegas e tres estranxeiras. Nestes anos cambiou moito o público, hoxe temos un público bastante experto no teatro de monicreques. Ademais, os espectáculos variaron, antes eran máis historias de contos e agora hai máis dramaturxia escrita para teatro de bonecos. Hoxe, ademais, temos compañías de xente nova, rapaces que van facer espectáculos que teñen menos anos que o festival.

-Alude ao cambio no público.

-Si, xa de inicio había unha boa resposta por parte do público. Despois, empezaron programacións estables todas as fins de semana, as campañas escolares na sala Yago e na Fundación SGAE, das que o festival é o colofón. Entón, é un público que xa viu bonecos de Francia, Italia, China, Xapón..., ten unha bagaxe cultural importante, xa que viron diferentes formas discursivas, de facer, e iso enriquece moito a mirada.

-Que é o que máis botan de menos debido ás limitacións?

-Os encontros. Os compañeiros das compañías galegas, e nós mesmos, non imos a cear cos que chegan doutros lugares e, polo tanto, ese carácter de intercambio este ano vai ser visto e non visto porque as circunstancias así o requiren; nós queremos que todo saia ben e garantir a maior seguridade.

-Cando empezaron pensaban cumprir 25 anos?

-Pois non o sei (ri). Hai 25 anos era necesario un festival internacional en Galicia porque naquel momento non había ningún. Necesitábase profesionalmente poder traer compañías de fóra, que a xente doutros sitios nos vira e que houbera intercambio. Agora, toca seguir para adiante. Xa vén xente nova detrás, entón, o futuro está garantido.