O gaiteiro Flor da Maquía deixa un legado único para a música tradicional

O músico ordense inventou un sistema para tocar despois de sufrir un infarto


Santiago / la voz

Chamábase Florentino Ruibal Rivas, pero no seu Ordes natal, e tamén no mundo da gaita e da música tradicional galega, era coñecido como Flor da Maquía. A súa andaina musical comezou cando andaba polos catorce anos de idade, compaxinando o seu amor pola música folk co oficio de canteiro, que herdou do seu pai. Antes diso, axudaba á familia levando as vacas ao monte e de paso recollía madeira para construír pezas para os seus instrumentos musicais.

A parte inventora permitiulle, cando xa pasaba dos oitenta anos, seguir tocando grazas a un sistema que ideou para encher co pé o fol da gaita cando os seus pulmóns xa non tiñan folgos suficientes por culpa dun par de sustos que lle deu o seu corazón, que onte deixou de latexar na súa casa de Poulo, rodeado dos seus. Nos últimos anos, despois de décadas de tocar e gozar, chegaron as homenaxes. Así, no 2013 o grupo etnográfico A Buxaina destacou o seu labor na Homenaxe ao Gaiteiro e entregoulle un agasallo de recoñecemento en Vigo.

No seu concello tamén recibiu un agarimoso agradecemento pola súa traxectoria. Neste caso, xa no 2015, foron os seus paisanos, Os Viqueiras de Ordes, os que recoñeceron o seu legado e o do seu irmán José Ruibal Rivas como membros do antigo grupo Airiños de Buscás. Os restos de Flor da Maquía, viúvo, con tres fillos e catro netos, permanecen no tanatorio de Ordes e o seu enterro será hoxe sábado ás 18.15 horas, en Poulo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O gaiteiro Flor da Maquía deixa un legado único para a música tradicional