O legado da Xeración Nós a través de trescentas pezas

SANTIAGO

Cedida

A Cidade da Cultura inaugura hoxe a exposición «Galicia, de Nós a nós», que poderá verse ata o 17 de xaneiro

02 oct 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

A revista Nós toma a palabra desde hoxe na Cidade da Cultura coa exposición que conmemora o seu centenario, Galicia, de Nós a nós. Nela reúnense máis de trescentas pezas para ofrecer un percorrido desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata a actualidade.

A mostra do Museo Centro Gaiás exhibirá, entre outras pezas, un dos orixinais que se conservan da Carta Xeométrica de Galicia realizada por Domingo Fontán, que pertenceu a Ramón Otero Pedrayo e se conserva no seu pazo-museo de Trasalba, en Amoeiro. Precisamente, poderá contemplarse do mesmo xeito que no seu emprazamento habitual, cun banco que permite sentarse fronte a el.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, a exposición conta con pezas procedentes de máis de sesenta institucións e prestadores privados. Algunhas delas proceden de Francia, Alemaña e Portugal para poñer o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores.

Ademais todos os exemplares da publicación, a mostra permitirá contemplar obras que foron obxecto de estudo nas súas páxinas, como o Santiago de Moralix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, o puñal de Beluxo ou a estela de Florderrei Vello.

Ao igual que en Galicia, un relato no mundo, as novas tecnoloxías tamén xogan un papel importante á hora de construír o relato expositivo. Así haberá elementos interactivos sen necesidade de tocar ningún dispositivo, audiovisuais ou de realidade aumentada. Entre as propostas atópase unha recreación virtual do campamento de Aquis Querquennis, así como unha viaxe ás cidades galegas do século XIX.