Antón Costa: «Sería conveniente unha lei galega que tivese incidencia social no ensino»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN CARLOS GIL

«Hai que valorar máis aspectos que os saberes que inclúe o PISA», afirma o pedagogo

28 sep 2020 . Actualizado a las 14:36 h.

Desde o 1 de setembro, Antón Costa Rico, que mañá celebra 68 anos, é profesor xubilado da USC, tras 44 anos de profesión. O día 16 recolleu o premio Porteiro Garea pola súa traxectoria no uso do galego e pola «teimosía na defensa da lingua e da cultura», segundo dixo. «Para min o exercicio docente é absorbente intelectual e emocionalmente. Agora necesito tempo para desenvolver traballos de investigación e publicacións», afirma.

-Que estudos e publicacións?

-Actualizar a Historia da Educación e a Cultura en Galicia (séculos IV-XX), en dous volumes, unha Historia da Educación Occidental en galego, que non hai, e outro para enriquecer a información e argumentos daquel estudo, que mantén validez. Tamén vou traducir un texto en francés de Élise Freinet, construír un volume sobre os movementos de renovación pedagóxica en España nas últimas décadas do século XX, e outros traballos sobre historia da educación en Galicia.

-Como ve o ensino en galego, polo que o premiaron?

-Está en situación crítica e niso inflúe que os poderes político e económicos, e boa parte dos espazos chamados cultos da sociedade non fan unha defensa constante e consciente da lingua, e hai un entorno que non a facilita entre a mocidade. E o mundo universitario galego ten máis dependencias estruturais externas das que quixera, que favorecen traballar en castelán e en inglés. Habería maior presenza da docencia e da investigación en galego con outras condicións estruturais máis a favor.

-Ensinou Política Educativa, ve útil unha lei de educación galega?

-Unha lei galega de educación pode ser un eslogan fácil, aínda que resultaría unha tarefa complexa, e necesaria, de 2 ou 3 anos. Agora mesmo hai que esperar a ver o que acontece coa Lomloe, a nova lei orgánica estatal, despois sería cando se podería pensar nun proxecto para Galicia.

-Porque 2 ou 3 anos?

-Porque non se deberían implicar só o Parlamento e o Consello Escolar de Galicia. Hai que promover unha ampla participación para o seu bo deseño. Sería conveniente unha lei galega que tivese incidencia social no ensino.

-Nota o ensino o traballo dos grupos e movementos de renovación pedagóxica, nos que tanto participou?

-O traballo de Nova Escola Galega e doutros colectivos e grupos didácticos ten singular importancia e si que se ten notado en elementos de transformación e da visión da educación e nas prácticas de traballo didáctico. Influíu, xunto con saberes académicos relacionados coa psicoloxía, ou coa socioloxía da educación, que entraron desde a propia Logse e outras leis de educación posteriores, e tamén con outros aspectos internacionais, que teñen que ver coa globalización, a tecnoloxía e outras forzas de cambio, e que supoñen retos para a capacidade de resposta e de intervención que hai desde aquí.

-Ve acertado valorar o resultado do ensino a través de documentos como o PISA?

-Non o vexo desacertado, aínda que si incompleto. Ver as capacidades e competencias do alumnado despois de varios anos de escolarización nos saberes lingüísticos, matemáticos, científicos e tecnolóxicos en comparación con outras realidades internacionais ten interese se está acompañado dun saber psicopedagóxico que fundamente a súa interpretación. E hai que recoñecer que Galicia non sae malparada en comparación co conxunto do Estado.

-Por que o ve incompleto?

-Porque hai que valorar máis aspectos que eses saberes no desenvolvemento educativo, por máis que resulte complexo. Ese documento debía servir para fortalecer máis a política educativa desde as propias competencias de Galicia, para tomar decisións contrastadas con políticas internacionais para mellorarmos aquí.

«O covid supón un problema grave e inédito na educación»

Antón Costa naceu en Cádiz e ten familia en Andalucía. Desde a infancia reside en Galicia. «Entrei de mozo nunha sensibilidade bastante acusada respecto á dignidade da lingua e da cultura, que sempre procurei trasladar ao meu exercicio docente», afirma.

-Estivo con Tonucci e ten traballos sobre a arquitectura escolar; están os centros de ensino ben adaptados para o século XXI?

-Hai centros que son novas escolas galegas, a maioría públicas, tamén algunhas privadas ou cooperativas, outras manteñen unha imaxe de Galicia que queremos superar, vemos como se resisten a construír unha Galicia nova e progresista. É un tema que merece unha volta desde o poder político, sobre todo cando, polo covid, hai risco de retroceder.

-Responde o ensino ao covid?

-A pandemia incide en aspectos tecnolóxicos, de mobilidade, de incremento de cadros de persoal, e obriga a repensar os recursos didácticos, os currículos e outros. O covid supón un problema grave e inédito no ensino, como tamén o é sanitario, económico e social. Penso que debería haber unha maior concertación desde os poderes públicos para abordar problemas que afectan ás familias, á xustiza educativa, para facer valer o dereito á educación e evitar que se agranden as diferenzas sociais, familiares, económicas, e outras.

-Influirá que se suprima o mestrado de profesorado para exercer como docentes?

-Esa formación sensibiliza moitas veces por primeira vez a titulados universitarios no que significa a docencia, ensina a educar, e resulta positiva. Nas actuais circunstancias, porén, se cadra hai que ter en conta as necesidades do sistema educativo para prescindir del, e que moitas veces emerxeron profesionais extraordinarios sen unha acreditación como esa.

-Participou no Seminario de Estudos Galegos restaurado por Díaz Pardo. Tería sentido hoxe?

-Si, como existe un Seminari d´ Estudis Cataláns, con boa vitalidade. Nas décadas de 1920 e 30 o Seminario asumía tarefas que hoxe en parte realiza a USC. Non faría dano e podería ser complementario á investigación das universidades, mesmo marcar unha axenda e un programa para a investigación centrado nas necesidades e problemas de Galicia, sen dependencia dos programas das Axencias estatais.