Isabel Méndez: «O libro nace dunha inquietude constante por entender e entendernos»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Emprendedora e combativa, la autora de «Coral de voces e soños» ve «enferma» unha sociedade que permite a desigualdade

27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de prexubilarse na USC, logo de dar clase de Matemáticas na Facultade de Económicas toda unha vida. Isabel Méndez Naya (Caión-A Laracha, 1959) vén de asinar «Coral de voces e soños», unha obra singular na que a autora convoca a trinta e cinco amistades para que opinen sobre asuntos transcendentais do ser humano. «O libro nace dunha inquietude constante por entender e entendernos, da necesidade de colaboración e como expresión de unión. Nace para recorrer camiños que non están nos mercados», indica Méndez, á que «non» sorprenderon as reflexións que recibiu, xa que «encaixan» no coñecemento persoal que ela ten dos interpelados.

En xeral as respostas coinciden en que na educación están as esperanzas de mellorar como humanidade: «Aí debemos poñer máis atención e recursos para que deixen de repetirse os mesmos erros unha e outra vez. Tamén converxen en que seguir queixándonos os uns dos outros non deixa avanzar cara a espazos máis saudables. A idea é que mellorando os nosos funcionamentos persoais, mellorarían as sociedades». Un dos desexos «máis comúns» é unha sociedade máis solidaria, que recoñeza no outro a alguén dos nosos, tal como recolle a autora, avogando igualmente por unhas novas relacións económicas e hábitos sociais que permitan «retomar» o contacto coa natureza.

A doutora en Matemáticas «sempre» tivo na cabeza preguntas sobre o ser e o estar: «Hai tantas desigualdades no mundo, un mundo de aparentar, de aplaudirnos uns aos outros, mentres hai persoas que teñen que mirar como caen as migallas das nosas mesas. A desigualdade material é un síntoma dunha sociedade enferma. A fame, a rabia, a desesperación, a ira… van en contra de que poida haber un encontro de paz, harmonía e convivencia. Aquí non vai haber paz para ninguén mentres non esteamos todos en paz». Á pregunta de se ten cura, responde: «Con educación para os nenos e co exemplo dos maiores. Só dende aí é posible».

Isabel Méndez quere agradecer a loita pola igualdade legal, social e laboral da muller que exerceron historicamente os movementos feministas. «Aínda que nunca fun feminista declarada, si creo que está arraigado no meu comportamento a defensa e respecto pola igualdade. No día a día, en cada contexto, temos que estar sempre atentos para ir erradicando eses comportamentos de dominación masculina e abusos de poder. E non podemos permanecer indiferentes ante isto cando o teñamos cerca. Empatía, honestidade, colaboración, conciencia, intelixencia… teñen nome feminino. Queremos que todas esas cualidades teñan espazo para florecer e mellorarnos a mulleres e homes», segundo reivindica.

Proxecto Home, Vagalume, Cottolengo, Cociña Económica e Anaco. Por todas estas entidades pasou Isabel, con determinación e cabezonería, ademais de amosar unha xenerosidade fóra do común. «En Proxecto estiven quince anos dando matemáticas e foron os alumnos máis atentos e agradecidos que tiven», subliña a docente universitaria. Pero o proxecto que amadriñou dende a súa orixe e implicou a todo aquel que se lle cruzaba no camiño foi Anaco, unha cooperativa nacida para fomentar o emprendemento entre mulleres de colectivos vulnerables, que acabou reconverténdose nunha empresa de inserción laboral que comercializaba anchoas en conserva. «Logo de oito anos, a covid deixou a empresa en suspenso. Unha mágoa!», láiase, mais co agradecemento «grande» para os establecementos de hostelería que foron os seus clientes. Que ninguén dubide de que axiña acometerá un novo proxecto social.