O festival Maré desembarca hoxe en Santiago cunha estrea de Ugia Pedreira

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

O angolano Toty Sa?Med abrirá os concertos do certamen, que seguirá ata o sábado

24 sep 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

As músicas e artes atlánticas chegarán desde hoxe ata o sábado a Santiago coa primeira edición do festival Maré, que abre unha nova etapa na capital galega despois de 15 anos en Pontevedra con Cantos na Maré. A gran protagonista desta primeira xornada será a cantautora galega Ugia Pedreira, que estreará un espectáculo inédito de creación propia, A Pedreira, sete anos despois da súa despedida de Marful. Será a partir das 21.00 horas no hotel NH Collection e con entradas esgotadas.

O repertorio de A Pedreira está formado por cancións que a cantautora compuxo durante o confinamento, pero tamén durante os últimos sete anos. Na súa actuación desta noite estará acompañada doutros dous cantautores, o angolano Toty Sa’Med e o bretón Pierre-Yves-Rougier. Ademais, contará co seu equipo de confianza: Marina Oural na dirección escénica, Xavier Belho nos deseños gráficos, Alberto Casas na iluminación e Xurxo Pinheiro como técnico de son.

Pero antes de que Ugia Pedreira chegue co seu novo espectáculo, soará en solitario, precisamente, a música do angolano Toty Sa’Med. Será a partir das 19.30 horas tamén no NH Collection.

O festival continuará mañá coa brasileira LaBaq ás 19.30 horas e, a continuación, Nacho Muñoz, Faia Díaz e LAR Legido farán unha revisión do repertorio de Zeca Afonso. O sábado, a partir das 19.30 horas, celebrarase a gala Cantosnamaré, coas actuacións de António Zambujo, Sabela, Miguel Araújo, Toty Sa’Med, Faia e Uxía, que, ademais, exercerá de directora artística da gala, coma en edicións anteriores. As entradas están a venda e pódense elixir disposicións en mesas de diferentes tamaños.

Esta iniciativa está impulsada por Nordesía Producións e tamén contará coa sección Marétv, que a través da plataforma de livestreaming Tolemias.tv permitirá seguir en directo todos os concertos do festival, ademais de acceder de xeito gratuíto ata o día 26 a máis de 20 horas de actuacións de pasadas edicións de Cantos na Maré. Só é preciso crear a conta gratuíta de Tolemias.tv para poder acceder.