Cristina García: «Demostrei na Politécnica que non se che dá ningún favor por ser muller»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

«Son máis da parte de crear cousas, e en España somos de montalas», segundo advirte

22 sep 2020 . Actualizado a las 00:17 h.

É un torrente falando, como se non puidese perder un minuto. O certo é que aproveitou ben o tempo cando apenas ten 25 anos. Cristina García Albela (Vedra, 1995) estudou de meniña nunha escola unitaria e hoxe é enxeñeira mecánica superior, logo de facer o grao correspondente na Universidade Politécnica de Madrid e o máster en Barcelona e Nantes. «De adolescente xa sabía que quería estudar unha enxeñaría, pero non sabía cal delas ía escoller. Finalmente, motivada polo moito que me gustaba a Moto GP e a Fórmula 1, decidinme pola enxeñaría mecánica», segundo conta.

Cando se graduou en Madrid só eran catro mulleres e durante a carreira tivo que escoitar comentarios impropios. «Estudei nun mundo de chicos, en clases de 50-60 onde sobraban dedos dunha man para contarnos a nós. Botaba en falta compañeiras, porque, queiras ou non, pensamos de forma distinta. Cos profesores tiven sorte, porque sacaba boas notas e foime ben. Pero tiven que escoitar cousas como que me poñían boa nota por ser muller, e iso dalgún compañeiro». Así e todo, García Albela non semella arredarse: «Todo o que fixen foi por méritos propios. Demostrei que non se che dá ningún favor por ser muller». Con estes vimbios e créditos, viviu posteriormente nun ambiente internacional, sendo practicamente a única muller europea, rodeada sobre todo de persoas de orixe asiática.

Hai un par de meses quedou «ás portas» de entrar, como enxeñeira júnior, na sección de Fórmula 1 de Mercedes; aínda que antes estivo nunha firma española, Drivex, que contaba con equipo na F4. «Estaba rodeada de mecánicos cuarentóns e algúns dubidaban de que fose enxeñeira. O meu xefe xa me advertira de que era un mundo de homes machistas, pero a min facíame moita ilusión e creo que me souben adaptar. Tes que ser lista e velas vir», segundo argumenta a profesional que adora o mundo da automoción.

Respaldo familiar

Cristina pasa na casa familiar as vacacións, pero axiña iniciará a súa vida laboral en Holanda, onde xa pasou os primeiros meses da pandemia completando a súa formación. «Unha empresa de alta tecnoloxía, Mecal (Eindhoven), fíxome un contrato dun ano ampliable en moi boas condicións. Traballarei como analista na computación dinámica de fluídos; en definitiva, solucionar problemas co ordenador», tal como explica. O seu soño é dirixir un departamento ou unha empresa: «Gustaríame liderar un equipo de xente que confíe en min. Encántame mandar», recoñece sen rubor. Por outra parte, manifesta que lle gustaría contribuír coa súa experiencia a que as nenas pensen que este mundo da enxeñaría «tamén é para elas». Igualmente opina que os grupos mixtos achegan máis cousas: «Se encaixamos ben, sae mellor».

Cristina ten moi claro o respaldo familiar do que gozou, tanto á hora de estudar como económico. «Estudar fóra non é barato. Estamos moi mal acostumados aos prezos de aquí. Para a xente do rural é especialmente caro, así que nunca agradecerei bastante a meus pais a súa axuda». Aínda que lle gustaría regresar, a xove enxeñeira vese traballando no estranxeiro por moitas razóns: «Eu son máis da parte de crear as cousas, e en España somos de montalas. Gústame estar na cociña. Ademais, non estou disposta a gañar aquí 1.500 euros, porque me formei para ter outras condicións salariais».

A título persoal, confesa que desexa ser nai co tempo, mais rapidamente engade que ela non vai ser unha nai convencional. De momento, Cristina volve a Holanda «con ganas» de facer unha vida normal. Canadá, país polo que suspira, terá que esperar.