Xavier Ferreira: «As medidas tomadas buscan que o impacto dun caso covid sexa o menor posible»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Considera que unha das claves está en que a toma de decisións sexa rápida

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xavier Ferreira, ademais de xerente da USC, é a persoa clave na xestión da pandemia pois é o responsable covid da institución, segundo determinou o reitor.

-O escenario deste inicio de curso está sendo máis complicado do previsto inicialmente: rebrotes, máis restricións...

-A día 30 de agosto estabamos nun escenario de presencialidade total, nun inicio de curso con singularidade sanitaria, pero coma outros anos, con todos os alumnos nas aulas. É certo que houbo un certo retraso por parte do Ministerio e das comunidades autónomas [31 de agosto], e decidiuse que pasabamos a outra situación fixando 1,5 metros obrigatorio de distancia. Isto supuxo un cambio radical. Pero o que nos xera inquietude é a situación dos brotes e a asimetría de todo este proceso. Cando se decretou o estado de alarma, o proceso foi simétrico: confinamento para todos; pero agora isto vai por lugares, e mesmo as limitacións de saúde non son as mesmas en Santiago que no Milladoiro, nin en Santiago que en Lugo. Pode que en Lugo teñamos que tomar unhas medidas distintas que en Santiago. O que si estaba era todo previsto. O 26 de xuño aprobamos unhas directrices con tres posibles escenarios. Moita xente reclamaba -e outras universidades optaron por el- por ir ao escenario dous, o de semipresencialidade. Nós sempre apostamos pola presencialidade máxima que poidamos ter de acordo coas condicións sanitarias. Iso levounos a corrixir nun prazo récord todos os protocolos que tiñamos nos centros; agora xa os temos todos e non estamos en semipresencialidade en todos eles.

-Cal é máxima preocupación como responsable covid-19?

-Que a docencia teña a máxima calidade e que a nosa capacidade de reacción sexa no tempo mínimo posible. Para iso puxemos unha estrutura organizativa para traballar nesta cuestión. A miña máxima preocupación é que funcione, porque deste xeito estará garantida a seguridade sanitaria. O responsable covid son eu, pero comigo hai un comité de seguridade sanitaria (que xa existía); e un comité de xestión covid, no que participan cinco decanos, tres directores de departamento, director de biblioteca..., as persoas necesarias para que calquera decisión se traslade de inmediato a todos. E tamén unha oficina de xestión covid. Articulamos un teléfono 881 811 111, que empezou a operar esta semana e xa está recibindo máis de cen chamadas diarias, onde calquera dúbida que se xere hai que chamar alí. Temos que concentrar información e que o proceso de toma de decisións sexa moi rápido. Ademais, hai o equipo de coordinación das conserxerías, e en cada centro un delegado covid: hai 87, un por edificio. Xa temos tamén máis de 120 estudantes voluntarios inscritos, que van colaborar neste proceso.

-Garanten a docencia para aqueles que teñan que confinarse. Como se fará?

-Todos os profesores teñen que ter preparados os materiais e unha programación docente con 15 días de antelación. Deste xeito, un alumno que teña que confinarse, poderá ter unha programación docente mínima para que non lle supoña que cando volva se perdera parte.

-O foco está no alumnado, pero tamén está o profesorado, que pode verse confinado.

-Neste caso, como sempre, se ten covid, está enfermo, e agora tamén temos a garantía deses 15 días por adiantado. Agora a maior preocupación nese sentido é que tras os rastrexos, aínda que non teñas nada, esteas confinado; e isto pódese estender a moitos, por iso esa programación dos 15 días. O que tratamos con todas estas medidas que estamos tomando é que o impacto dun caso covid sexa o menor posible. Se ao final só hai que confinar a catro persoas, mellor que quince; por iso esa limitación de acceso, o rastrexo, a numeración dos asentos, o control dos postos nos laboratorios... É fundamental para garantir a seguridade e tamén para minimizar o impacto da detección dun caso. Estamos vendo en Educación Primaria como se están confinando aulas, non o centro enteiro. Entón, se temos que confinar unha sala de lectura: ‘Cantos estaban? Vinte’, pois confinar eses vinte.

«Incumprir as normas é unha infracción grave, de 100 a 120.000 euros. Imos ser implacables»

Unha das cuestións nas que inciden desde a Universidade de Santiago é na responsabilidade individual á hora de cumprir os diferentes protocolos sanitarios nas instalacións.

-Nas guías e na resolución reitoral resaltan o papel dos docentes e resto do persoal universitario á hora de facer cumprir as medidas sanitarias.

-É imposible fiscalizar se dez rapaces se quitan a máscara nunha esquina. Compramos máis de 100 cámaras para controlar todos os accesos, que non entre ninguén que non poida nos edificios, para poder rastrexar se hai algún problema..., pero sempre poden ocorrer circunstancias. Co voluntariado non queremos ter fiscalizadores, senón persoas que animen a cumprir as normas. Ademais, todos os empregados públicos temos unha obriga e hai que tomar parte, concienciar a xente e, no caso de que non se cumpran as normas, denuncialo. É importante que toda a comunidade educativa o saiba: incumprir neste momento unha norma que poida afectar a saúde é unha infracción grave, que pode ir de 100 euros por non levar máscara ata 120.000 euros. Se unha persoa se atopa con síntomas, e en vez de illarse nas salas que temos para iso, decide irse para a súa casa, é unha infracción moi grave; e imos ser implacables porque o fundamental é garantir a saúde das persoas.

-Iso nas aulas, pero que pasa fóra? Algúns protocolos inclúen restricións no entorno do centro.

-Si, nos espazos adxacentes aos edificios non se vai poder fumar.

-E, despois, fóra, porque isto tamén xera preocupación.

-Nós máis non podemos facer. Temos 1.200 prazas de residencia, onde podemos controlar. O que podemos é concienciar aos estudantes, pero a Universidade non pode chegar aos pisos, a un bar... É certo que se debería valorar de novo as medidas que se están tomando no sector da hostalería. Se desincentivamos acudir a estes establecementos, as consecuencias xa as coñecemos, farase fóra. Nós non podemos sancionar aos nosos estudantes por facer botellón; hai quen o demanda, pero non temos competencias.