Son Trío pon música ao derradeiro atardecer deste verán no Gaiás

s. l. l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O repertorio será integramente en galego e nel, ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou a Rosalía de Castro, ofrecerán versións propias de cancións populares

30 ago 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

A pandemia que todo o mudou non foi quen de apagar os sons cos que no verán se despiden mornas as xornadas no entorno da Cidade da Cultura. Esta edición de Atardecer no Gaiás viuse na obriga de apostar por actuacións con menos aforo e máis íntimas, pero non por iso menos queridas nin solicitadas, e co cartel de entradas esgotadas nun abrir e pechar de ollos.

Foi unha experiencia distinta pero non distante que agora chega ao seu fin, como chega ao seu fin o estío. E a aposta encargada de despedila é a de tres mulleres namoradas da terra na que actúan. Son Trío o conforman a expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte ao violoncello de Susanna Blanco. Unha rusa de corazón galego e dúas artistas da terra que o xoves 3 de setembro, entre fusco e lusco, nos invitarán a viaxar por unha experiencia sonora tan emotiva como conmovedora baseada nos seus estudos e no seu amor pola música.

Con melodías de música clásica, jazz ou folk, o repertorio será integramente en galego e nel, ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou a Rosalía de Castro, ofrecerán versións propias de cancións populares de todos coñecidas e que todos recoñecerán neste atardecer que non di “adeus”, senón só “ata á volta”, e que o fai na mellor compaña.