David Viaño: «Unidos podemos facer moito máis e todos os beneficios quedan na vila»

lucía gómez / s. l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A nova directiva aposta pola innovación para crear unha imaxe máis renovada

23 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

David Viaño Noya é o novo presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Ordes (Aecor), antes coñecida baixo o nome de Acordes. A nova directiva entrou en vigor o pasado mes de xuño e dende ela buscan darlle un aire novo, cunha imaxe máis renovada que aposta pola innovación e darlle unha maior visibilidade a todos os establecementos dos membros asociados.

-Unha das primeiras medidas que se tomaron dende a nova directiva foi o cambio de nome da asociación. Por que?

-A asociación segue sendo a mesma. Seguimos co mesmo espírito. Non pretendemos borrar o pasado. Pero coa entrada da nova directiva o que quixemos facer foi buscar unha nova imaxe, moito máis renovada, que busca darlle unha maior visibilidade ao comercio da comarca de Ordes. Ademais, anteriormente na asociación só había comercios e un dos cambios que nós introducimos foi meter todo o sector produtivo da zona. É dicir, agora pódense asociar todas as empresas que queiran, sexan do sector que sexan. De feito, eran 64 socios cando nos entramos e agora xa somos 106. Na directiva antes había seis persoas; agora somos dezaseis e esperamos chegar a vinte. Cambiamos os estatutos para que haxa unha maior representación de todos os sectores asociados.

-Dende a nova directiva estades apostando pola innovación.

-Efectivamente, queremos darlle unha maior visibilidade aos nosos establecementos e cremos que o dixital é clave. Estamos creando un marketplace, que se chamará Eumerco, e que vai ser unha páxina web na que estarán todos os asociados que así o desexen e nela poderán poñer á venda todos os seus produtos ou servizos á disposición de calquera. Así, os usuarios que accedan encontrarán de todo. A maiores tamén estamos elaborando unha webapp centrada na hostalaría. Será unha aplicación personalizada onde cada negocio amosará as súas cartas, poderanse facer pedidos ou reservar mesa, entre outras cousas. Ambos serán lanzados ao mesmo tempo e esperamos poder telos para novembro. Trataremos de dar visibilidade aos establecementos tamén nas redes sociais e crearemos unha web informativa onde dar datos sobre os socios, os presupostos, e así dar unha imaxe de transparencia e de confianza.

-Que beneficios trae esta unión dos comerciantes e empresarios asociados?

-Cremos que unidos é como maior beneficio podemos sacar e xuntos podemos facer máis que se estiveramos solos. Sabemos que todo o que queremos facer durante estes dous anos que estaremos ao fronte da directiva é complicado, sobre todo nos tempos que corren debido á situación na que estamos. Pero organizando actividades no pobo nas que participen todos os asociados, dinamizando e potenciando a chegada de máis visitantes, apostando polo noso, todos podemos beneficiarnos. Queremos crear unha economía circular, se facemos cousas en común, todo vai quedar na vila. A xente está moi involucrada e con ganas de facer moitas cousas.

-Que faredes, polo tanto, para atraer tamén xente á comarca?

-Tiñamos preparado un outlet para os días 12 e 13 de setembro, pero tivemos que cancelalo polo tema das aglomeracións. Para atraer a mirada de novos visitantes faremos actividades deste tipo ao longo de todo o ano, como animacións polas rúas, actuacións musicais, días de descontos, cursos. Isto o que fai é que a xente que pase por aquí deixe cartos no pobo, mercando nos establecementos polos que pase ou lles chame a atención. Potenciaremos os produtos típicos da comarca, como o queique ou o grelo, aproveitando ademais o paso do Camiño Inglés pola zona. Tamén nos centraremos na moda de eventos, porque é moi forte.