Santiago editará unha biografía de Isaac Díaz Pardo escrita por Xosé Ramón Fandiño

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Concello súmase hoxe á homenaxe que a cidade arxentina de Magdalena lle dedica

22 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Isaac Díaz Pardo nacía en Santiago hai hoxe cen anos. Para lembralo no seu centenario, dende o Concello de Santiago están impulsando diferentes iniciativas, como foi a colocación da estatua na Alameda -que cambiará de ubicación cando remate o proxecto de obras do muro do Pombal-, diferentes roteiros pola cidade seguindo as súas pegadas e o mural no IES do Sar. A eles engadiráselle unha biografía escrita por Xosé Ramón Fandiño, estreito colaborador do intelectual galeguista nos últimos anos. O libro verá a luz en setembro ou outubro. «Todo isto cun dobre obxectivo: recoñecer a importancia histórica da figura de Isaac Díaz Pardo e manter viva a luz da liberdade pola que loitaron destacadas figuras do galeguismo, como Castelao, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, os irmáns Villar Ponte ou Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo», asegurou a alcaldesa en funcións e concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón. A rexedora en funcións engadiu que a idea de país de Díaz Pardo «abarcábao todo, dende a parte política, ata a cultura, industria, educación ou lingua. Soubo, como ninguén, describir e pór en valor o espírito da galeguidade herdado das Irmandades da Fala», afirmou.

Por outra banda, o Concello de Santiago súmase hoxe á homenaxe que a cidade arxentina de Magdalena lle dedica a Díaz Pardo. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, envioulle hai uns días un vídeo no que agradece que conmemoren o centenario do intelectual galego, que fundou nesta cidade a fábrica Celtia e Porcelanas de Magdalena.

Por outra banda, hai que lembrar que varios locais de restauración da zona de Galeras inclúen hoxe entre a súa oferta tapas dedicadas a Isaac Díaz Pardo.