«Interesa aos consumidores preocupados polo clima»

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

27 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A marca Pescaenverde trata de identificar as capturas que teñan baixa pegada de carbono e taxa de retorno enerxético elevada: «é o que recomenda a FAO [a Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura] e está na liña dos obxectivos para o desenvolvemento sostible. As especies da frota galega teñen indicadores moi bos, que esta ecoetiqueta contribúe a recoñecer», afirma Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñaría Química da USC e líder do Grupo de Investigación de Biotecnología Ambiental.

-Como funciona a ecoetiqueta?

-Comezamos en xullo de 2018, cun acto de lanzamento, en Portonovo. Asistiron o reitor da USC e da conselleira do Mar, e estiveron as primeiras entidades recoñecidas, entre elas confrarías e outras organizacións do sector da provincia da Coruña. Desde entón xa se sumaron máis e iso evidencia interese.

-Está a chegar á sociedade, é ben coñecida?

-Pescaenverde interesa aos consumidores preocupados polo clima, penso que é máis coñecida entre o colectivo con máis conciencia sobre o cambio climático. Tamén interesa para mellorar a comercialización, hai lonxas que a promoven moito.

-É difícil de conseguir?

-Hai que cumprir todas as esixencias e os trámites demoran entre 6 e 7 meses.

-Que acontece con Ribeira?

-Pasou todos os trámites e houbo que adiar a súa adhesión, prevista en abril, pola da pandemia. Estamos buscando unha data para que se incorpore de inmediato.

-Din que é o resultado de 20 anos de investigación, por que tanto tempo?

-Ese é o tempo que se precisa, de media, para que unha innovación chegue ao mercado, desde que se descubre. É o que aconteceu, por exemplo, con algúns fármacos, ou co iphone e outros avances de comunicacións. Non é fácil a admisión na Oficina Española de Patentes e Marcas, que conseguimos no ano 2013; ou o rexistro na Oficina Europea da Propiedade Intelectual, que foi no 2015, pois os seus requisitos son moi esixentes. E o noso grupo traballa con orientación específica para a pesca desde o ano 2008, houbo moito traballo defendido en congresos e en publicacións internacionais de referencia neste tempo; e entre os resultados está Pescaenverde.

-Está satisfeito do resultado?

-Si que estamos. É unha transferencia importante, con impacto na sociedade, e iso non é fácil de conseguir.