Diego Alba: «O noso colexio pode ser un modelo aproveitando ben o moito espazo que non se usa»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O elevado gas radon e o covid preocupan ás familias, afirma o presidente da ANPA do colexio público Apóstolo Santiago

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O colexio público Apóstolo Santiago, da Almáciga, resultou especialmente prexudicado pola pandemia, afirma Diego Alba, o presidente da Asociación de Nais e Pais (ANPA): «estabamos a falar coa dirección sobre iniciativas de interese para o futuro, e a interrupción da actividade no centro tamén supuxo o cese do diálogo. Tamén quedamos sen saber se persiste o problema de elevados niveis de gas radon nas dependencias escolares, despois das medicións e as obras que se fixeron. E temos moitas dúbidas sobre a organización de actividades extraescolares, que promovemos desde a ANPA, e sobre outras cuestións para o próximo curso; as familias están moi preocupadas e queren garantías de seguridade sanitaria no colexio», afirma.

O gas radon e o covid «son dous temas de seguridade e hixiene moi serios», indica. O problema do gas radon, que incrementa o risco de cancro, foi anterior, pois data do ano 2016, cando se edificou o Centro Xove ao pé do colexio: «fixeron un estudo de saúde e seguridade laboral e detectaron emisións de radon máis elevadas das permitidas nas súas instalacións. Na primavera do 2018 mediron o radon no comedor escolar do colexio e tamén deron resultados elevados; e o mesmo aconteceu en febreiro no edificio escolar. Nas medicións interveu un laboratorio da USC», manifesta.

«Antes da pandemia comezaron unhas obras para solucionar o problema, que promoveu a Consellería de Educación, que xa acabaron e estamos pendentes de coñecer o resultado e se solucionaron o exceso de radon. Non queríamos que comezase o próximo curso con niveis superiores de radon que os permitidos, pedimos que a consellería faga as medicións prometidas», acrecenta Diego.

Para as dúbidas que supón o covid propoñen que se fagan tamén obras e unha normativa axeitada: «o noso colexio pode ser un modelo aproveitando ben o moito espazo que non se usa, o que deixou de ocupar a Escola Municipal de Música hai tres anos, cando se trasladou para Vista Alegre. Hai que adaptar espazos, porque a escola de música utilizaba pequenas cabinas para aulas de audición que non serven para a actividade do noso colexio. É preciso tamén conectar o espazo que utiliza o colexio co que usaba a escola de música, pois para pasar da parte do colexio á que era da escola de música hai que baixar todas as escaleiras, e subir as da outra zona, pola separación existente, cando está todo no mesmo edificio».

Esas obras para utilizar todo o edificio escolar para o colexio, como acontecía antes de habilitar alí hai uns anos a Escola Municipal de Música «son unha demanda constante desde que se foi a escola de música, pois garantirían dispor de espazo suficiente para as esixencias de separación social do covid e ter maior seguridade». Afirma igualmente que as aulas do centro «son pequenas para o incremento de matrícula, que aumenta os últimos anos, e o curso próximo haberá máis de 200 escolares. Insistiremos para que as Administracións fagan esas obras e que se poda aproveitar de novo todo o edificio para o colexio», manifesta.

Diego Alba sinala tamén a preocupación da ANPA pola organización das actividades extraescolares no próximo curso: «as aulas burbulla que propón a Consellería de Educación, con grupos de escolares estables, non funcionan para as actividades que organizamos as ANPA, pois é normal que nelas haxa mestura de escolares de varias idades e cursos, vemos iso como un problema importante».

E considera difícil «que o alumnado non se mova do pupitre, ou que non fale moi alto, iso é complicado sobre todo na etapa infantil. E tememos que, por outras esixencias do protocolo da consellería, se acaben dinámicas de aprendizaxe innovadora ou de traballo cooperativo, pois avanzan que non se poderá compartir material. Confiamos que o equipo covid do centro deseñe un protocolo axeitado para o noso colexio e que o curso comece con garantías de seguridade sanitaria», di Diego. Neste colexio, os servizos de madrugadores e comedor continuarán xestionados polo Concello.