Tanxugueiras: «O Compostela TradFest é unha oportunidade para a cultura galega»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Este grupo defende que a única forma de manter a música tradicional é modernizándoa

26 jul 2020 . Actualizado a las 03:25 h.

Non levan cofias, enaguas nin dengue. Porén, o trío de pandeireteiras Tanxugueiras é a estas alturas todo un referente da música tradicional galega. Elas forman parte desa vangarda que a mantén viva e rexuvenece, conectando co espírito mesmo do Compostela TradFest, no que participan mañá. Sabela Maneiro fala en nome do grupo teense e di que «estamos superilusionadas» por poder pechar o festival (ás 22 horas, na Quintana). «É a primeira vez que actuamos nas Festas do Apóstolo, e é unha emoción moi grande para nós estar en Santiago, que é a nosa segunda casa, aínda que é unha pena que sexa nesta situación».

-Que tedes preparado para o fin de festa do TradFest?

-Non puidemos presentar o novo disco ata agora. Só tivemos a oportunidade de mostralo tres veces en teatros, entre elas na Sala Capitol. O domingo tocaremos o repertorio que tiñamos preparado para este ano. Moita festa, como somos nós. E haberá novidades para a xente que non nos viu en directo con Contrapunto. É un espectáculo máis teatral, con luces que impactan, e moi potente xa dende o principio.

-«Contrapunto» contén dez temas que parten das letras recollidas da tradición oral, pero revisadas, con arranxos actuais. É esta unha forma máis de romper esa barreira que asocia a música popular só coa xente maior?