Santiago Rey Conde: «Nun colexio teñen valor pedagóxico o edificio e o espazo da súa contorna»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O arquitecto elabora o proxecto da nova escola Semente, que acabou a campaña de mecenado

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«O obxectivo é concentrar enerxía e reducir custos, dando unha imaxe unitaria», esclarece o arquitecto Santiago Rey Conde ao falar do proxecto que lle encomendaron para unificar as tres escolas Semente da cidade nun novo centro, en Moas (Figueiras). A comunidade educativa finalizou onte con éxito a campaña de mecenado: reuniu 160.000 euros para financiar as obras, 30.000 máis do obxectivo que tiñan, afirman. Santiago Rey avanza que Patrimonio xa informou favorablemente, pois a parcela está próxima do Camiño de Santiago e era necesario; xa presentaron o proxecto básico no Concello e están co de execución «e se todo prospera ben penso que se poderá utilizar a nova escola no curso 2021-2022», di o arquitecto.

Para a nova escola Semente, que manterá o modelo de inmersión e socialización en galego, vai acondicionar un edificio de tres andares a unha finca forestal de 3.500 metros cadrados: «os tres locais actuais teñen en común dispor dun espazo verde exterior. Buscaron unha vivenda con suficientes metros, cunha parcela que lles permita manter a súa idea de ensino. Porque nun colexio teñen valor pedagóxico o edificio e o espazo da súa contorna. No proxecto arquitectónico tentamos unificar esa idea con certa orde, tendo en conta as normativas vixentes de accesibilidade, incendios e outras. Incorporaremos unha rampla, cun acabado de madeira que fai de varanda, e outros elementos», indica.

A fachada terá madeira e queren «facer unha boa integración da nova escola coa contorna, aproveitar as posibilidades que ofrece a proximidade da rota xacobea para dar a imaxe de escola nova, diferente, propia deste tempo».

No interior do actual edificio van «derrubar todo» e no exterior «hai boas posibilidades para a idea de ensino que manifestan, con contacto coa natureza. No baixo estará a zona infantil, con escolares de 2 a 6 anos; no primeiro andar, o alumnado de primaria; e no baixo cuberta irán dependencias administrativas e espazos multiúsos, como a biblioteca, un pequeno cinema e outros. Non se contempla un comedor estrito, haberá unha zona multiúsos para comer e onde preparar a comida. En cada andar poderán utilizar sobre 220 metros cadrados», acrecenta.

Santiago Rey insiste nas complicacións que supón «encaixar o que xa existe cos condicionantes urbanísticos, legais e económicos, para tentar chegar ao máximo que se pretende. Sempre poden haber danos colaterais derivados das diferentes normativas, que limiten un pouco a idea inicial. Un colexio ten normativas moi específicas. Todo edificio de uso público, aínda que sexa de titularidade privada, debe cumprir unha serie de requisitos e os arquitectos debemos favorecer que se chegue ao máximo nivel de expectativas cunha orde, unha harmonía, unha pauta e un sentido. Por iso sempre é importante que o cliente o entenda, que sexa aberto», manifesta.

Santiago Rey confía que o covid non atrase este proxecto: «no sector da construción está moi interiorizado xa o uso de máscara e outras medidas para traballar con seguridade. Excepto que haxa un novo confinamento, non debería haber maiores problemas», di.

Será un proxecto singular, pola expectativa que levantou: 750 persoas apoiaron a iniciativa da nova escola e contribuíron para o seu financiamento, entre elas o pedagogo Francesco Tonucci, o xenetista Ángel Carracedo, o dramaturgo Quico Cadaval, o actor Amador Arias, a zoqueira Elena Ferro, a catedrática Margarita Ledo, ou as músicas Guadi Galego, Tanxugueiras e Paco Nogueiras, alén de outras de varios países, confirmou onte a comunidade da Semente.