Os artistas que actuarán no TradFest traen novas músicas, pero coa esencia de sempre

daniel bernardo / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O gaiteiro Anxo Lorenzo
O gaiteiro Anxo Lorenzo CARMELA QUEIJEIRO

Anxo Lorenzo e Pärbo reestréanse no festival tras o coronavirus

23 jul 2020 . Actualizado a las 00:00 h.

O vindeiro domingo, os composteláns poderán asistir a unha xornada cargada de música que se repartirá polo centro da cidade. As entradas aínda se poden obter en reservas.gal, pero nalgúns concertos, como o das Tanxugueiras e o de Ailá, están xa esgotadas. Desde Laura LaMontagne ata Suso Vaamonde, son moitos os perfís e estilos dos que os cidadáns poderán gozar este ano.

Nesta segunda edición do TradFest haberá iconas do panorama musical galego. Anxo Lorenzo é un gaiteiro coñecido a nivel internacional e foi alumno de Carlos Núñez, do que fala como un «referente para moitas xeracións de gaiteiros». Para un, ser coñecido na súa casa é un valor engadido, pero Lorenzo afirma que «para un gaiteiro o mundo celta ten moita forza en Escocia, Irlanda... Está moi ben tocar fóra, pero tamén está ben na casa». Anxo Lorenzo adoita dar xiras por media Europa e tamén por América, pero regresa tras o coronavirus a Compostela. Iso faino sentir «moi contento, porque será un concerto moi especial». A música que amosará o vindeiro domingo, ás oito da tarde en Bonaval, é unha mestura potente do folk con outros estilos como o pop, o rock ou a electrónica. A pesar de que o seu traballo Santiago ten un estilo moito máis acústico, conta que non ten previsto cambiar de liña. De feito, aposta por manterse diverso, chegando a facer música para meditar. 

A violinista Begoña Riobó
A violinista Begoña Riobó Ana Garcia

Outros dos artistas que se poderán ver o vindeiro domingo serán o dúo Pärbo, formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos. Riobó xa actuara neste festival cando se chamaba Certame Folk, e este ano regresa case presentando a este «par bo». Pintos describe a experiencia de tocar no TradFest como «moi gratificante, porque tiñamos moitas ganas de regresar aos palcos co público enfronte». Porén, amósase un pouco molesto sobre a diferenza á hora de falar das normas de seguridade que hai nas terrazas con respecto aos eventos culturais. O público que acuda ao concerto do dúo na igrexa de Bonaval escoitará «timbres puros e arranxos que parecen simples, pero que son algo máis», como describe Pintos. Traballarán con tres ferramentas: a zanfona, o violín e a voz de Begoña. 

O seu é o folk, un xénero musical que está a mudar co paso do tempo. Para Riobó non é que o folk estea cambiando radicalmente, senón que «todo cambia de forma natural, somos seres sociais e deixámonos influír de maneira inconsciente». Esa é unha das claves deste dúo, tal e como describe Riobó: «Facemos arranxos sobre a música sen cambiar a base», aproveitando «a música patrimonial rica e bonita que temos».