Raúl Ríos, nota máis alta de Galicia en selectividade: «Quedo na USC porque estudarei Medicina e a facultade é moi boa»

Espera que no seu primeiro curso como universitario poida ter docencia presencial


santiago / la voz

Con 13,920 sobre 14, Raúl Ríos Pampín, veciño de Parada, en Ordes, ten a nota máis alta de Galicia na ABAU, a nova selectividade. Cursou Bacharelato de Ciencias e, aínda que lle atrae a Filosofía, estudará Medicina na USC. Fillo dunha psicóloga no servizo de Igualdade da Mancomunidade de Ordes e do xefe de taller dunha empresa de mecanizados da Coruña, Raúl non quere distanciarse da súa familia e amigos, e fala marabillas do profesorado que tivo no IES Maruxa Mallo e no IES Ordes, onde estudou a Secundaria e o Bacharelato.

-Coa súa nota, vostede podería estudar en calquera universidade española. Por que a USC?

-Preferín quedar en Santiago porque está cerca da miña casa e da miña xente, e porque é moi boa facultade. Non é preciso marchar de Galicia.

-Medicina é unha vocación?

-Entrei en Bacharelato querendo facer Medicina, pero en primeiro descubrín Filosofía e se me abriu un abano de posibilidades, como facer tamén Matemáticas, ademais de Medicina. Decidín facer Medicina porque a bioloxía gústame moito e porque durante o estado de alarma pola pandemia do coronavirus reflexionei moito e decidín que é un labor moi importante, porque é facer algo moi beneficioso para a comunidade.

-Por que o seu interese por algo tan distinto da Medicina como a Filosofía. Atopou un bo profesor?

-Iso tivo moito que ver. O profesor Carlos Bernárdez influíu moito en min. En realidade, gústanme moito as Humanidades. Eu teño moitos amigos aos que non lles gustan as materias de Letras, pero penso que son moi importantes, porque son transversais na formación.

-Se ten que valorar a formación que recibiu nos institutos de Ordes, como puntuaría a docencia?

-O profesorado foi excelente, na Secundaria no IES Maruxa Mallo e no Bacharelato no IES Ordes. A min marcáronme moito varios profesores, non só o de Filosofía, tamén de Matemáticas ou de Historia. En xeral, o profesorado foi moi bo, e inflúe moito na formación dos alumnos que os profesores se preocupen por nós. En Ordes podes atopar un profesorado magnífico, como en calquera instituto de Santiago ou no ensino privado.

-Este curso, dende marzo, como influíron as circunstancias especiais nas que se desenvolveu o ensino co confinamento e o estado de alarma? Baixou o nivel?

-É verdade que aumentou a nota media no Bacharelato e haberá xente que puido aproveitarse para sacar materias que levaban arrastras. Quizais non se esixiu tanto como correspondería a un curso que se desenvolvera en circunstancias normais.

-E nas probas da ABAU?

-No relativo ás probas da ABAU é un feito que este ano baixou a porcentaxe de aprobados, talvez porque houbo alumnos que non as prepararon suficientemente durante o estado de alarma. É certo que levamos menos materia e percibín que nas asignaturas obrigatorias baixaron un pouco o nivel no sentido de que deron máis facilidades, pero dixéronme que materias como a de inglés foi máis difícil, non para min, porque teño un bo nivel neste idioma. Non obstante, na parte das específicas, como bioloxía, química ou física, creo que, en xeral, subiu o nivel dos exames, porque esta vez houbo problemas máis complexos.

-Ademais, tiveron que soportar unhas condicións previas moito máis duras que en circunstancias de normalidade.

-Si, ao principio non sabiamos sequera se ían convocar as ABAU, despois a incerteza sobre o modelo dos exames... Sufrimos moito estrés e aínda hoxe hai moita xente que o sofre, porque van flutuar moito as notas de corte, pois subiu a media da selectividade.

-A súa familia viviu este proceso con moitos nervios?

-Si, aínda que tiñan moita confianza en min. E o xoves, cando tiñan que saír as notas, pasámolo mal polo colapso da páxina web da CIUG, o que provocou unha espera, ata as nove da noite, na que non soubemos nada.

-Que espera do seu primeiro curso como universitario en Compostela?

-Teño moitas gañas de comezar, porque Medicina é unha carreira moi bonita e gústame moito a facultade.

-E ademais a vida de universitario...

-Si, quero vivilo. Miña nai [titulada en Psicoloxía] dime que a época universitaria é moi bonita.

-Medicina, tamén en primeiro curso, ten materias prácticas. Sería para vostede unha decepción que non se fixera formación presencial debido ás circunstancias provocadas pola covid-19?

-Non sabemos como vai ser a docencia o próximo curso, pero aínda así teño moitas gañas de comezar. Pódense seguir as clases a distancia, pero está claro que non é o mesmo, para interactuar cos profesores e cos compañeiros. Ademais, Medicina ten un grande compoñente práctico, e por iso espero que si poidamos recibir docencia presencial, que ademais é acorde coa miña traxectoria educativa.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Raúl Ríos, nota máis alta de Galicia en selectividade: «Quedo na USC porque estudarei Medicina e a facultade é moi boa»