María Ángeles Iglesias: «Unha estrea sempre é un festa, e agora moito máis»

Miriam García
m. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

María Ángeles Iglesias -de negro-, onte no Salón Teatro, xunto á asistenta de dirección, Anabell Gago
María Ángeles Iglesias -de negro-, onte no Salón Teatro, xunto á asistenta de dirección, Anabell Gago Sandra Alonso

Ofrecerá sábado e domingo o espectáculo "Crónica dunha heterosexual insatisfeita" no Salón Teatro, a primeira estrea despois da crise sanitaria

30 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A estrea ía ser o 18 e 19 abril, pero Crónica dunha heterosexual insatisfeita chegará os días 4 e 5 ao Salón Teatro. «Estamos moi contentos porque pensamos que ía ser moito peor», afirma a súa creadora e protagonista, María Ángeles Iglesias. Este proxecto de Verdeveras Expresións Artísticas, coproducido polo CDG, conta como complemento cunha exposición de ilustracións, e con música orixinal de Tato López. Conta na asistencia da dirección con Anabell Gago e con Octavio Mas na escenografía e iluminación. As ilustracións son obra de Rebe Cierto, Xoana Almar, Raquel Germade, Cristina G. Cao e Alejandra Lorenzo. Despois da cita en Santiago, a peza continuará xira na Coruña, xa en outubro, o día 30, no Teatro Forum. Tamén se achegará a Neda e Culleredo.

 

-Despois deste período, afróntase de diferente xeito este estrea?

-Unha estrea sempre é un agasallo, unha festa, e agora moito máis porque non tiñamos moi claro como sería o panorama. Tiñas unha data e logo non é, entón, é como un pequeno dó. Despois, ao volver ter a posibilidade de facelo, arrancas con moitas ganas. É unha alegría dobre: por min -por este proxecto- e porque sinto a forza das compañeiras e compañeiros que están detrás.

-Muda algo a peza por esta nova realidade?

-É unha peza unipersoal polo cal agora é unha vantaxe. Pola forma que ten, ata case podo integrar esta cousa tan rara que é que a xente vai estar con máscara na platea.

-Que quere transmitir coa obra?

-É unha muller de idade mediana que se decata de que se está facendo maior e comeza a facerse preguntas sobre o que fixo, non fixo, o que quere facer... Entón, toma unha decisión e vai completar algo que sempre desexou. Ten moitas mensaxes posibles. Xa ver sobre a escena unha muller de idade mediana xa é unha, porque non é o habitual. Tamén está presente a satisfacción e insatisfacción, a construción da sexualidade. Ten bastante de comedia, aínda que ten moito fondo. Pode tocar moitas fibras porque a peza remata no espectador.

-Nos seus espectáculos sempre está a muller presente.

-Gústame pensar que este é un teatro para todas, todos e todes. Ás veces, hai o risco de que, cando a protagonista é unha muller, encaixalo como «teatro para mulleres». O que se denomina de tal xeito é o que máis deberían ver as persoas que non somos mulleres. A protagonista é unha muller que dubida, unha muller real, non é exemplo para ninguén nin pretende selo. A obra é o resultado de moitas vontades e moitas miradas. Sempre pensei o proxecto con outra xente ao redor, xa desde o momento da escrita. O que quero pensar é o público vai saír con moitas ganas de falar, sería para min o maior agasallo.

-Como ves o futuro?

-As actrices, os actores, somos xente moita loitadora, que temos esa capacidade de adaptarnos aos tempos porque somos perseguidores e perseguidoras de soños. É un momento de moita incerteza e nós somos parte dela. É un momento delicado.