Ana Barreiro: «Temos amadriñada unha parte do río Sar para o seu mantemento e limpeza»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

En setembro incorporan a secundaria e este verán celebran un campamento urbano

29 jun 2020 . Actualizado a las 22:10 h.

O colexio Montessori Compostela, situado na colexiata de Sar, incorpora xa en setembro, no que será o seu quinto ano lectivo na cidade, o ensino secundario. Antes, desde hoxe mesmo ata o 31 de xullo, celebra Eco-Camp Montessori, un campamento que realiza con colaboración da asociación Non é o Mesmo, de Santiago; a galega Proxecto Ríos; InteRed, de ámbito estatal; e a internacional Greenpeace. Destacarán os temas de educación ambiental. «Comezamos a promover este proxecto educativo no curso 2014-2015 e abrimos en setembro do 2016. Considero que o colexio está consolidado e integrado no movemento pedagóxico de María Montessori. Recibimos recentemente a certificación da axencia dos Estados Unidos, coa autorización para comezar o próximo curso co Programa de Adolescentes Montessori, para a etapa de 12 a 16 anos, e así cubriremos toda a escolarización, da infantil á secundaria», afirma Ana Barreiro, directora do centro.

A filosofía desta pedagoxía é «educar para a vida e para a construción dunha cidadanía responsable, a través do desenvolvemento de valores como a liberdade, a solidariedade, a coeducación, a responsabilidade, o desenvolvemento sostible, a educación para a paz ou o respecto á diversidade», acrecenta.

O grupo de escolares que ingresou no centro con 8 anos, explica, «finalizou a primaria en xuño e comezarán en setembro o programa de adolescentes. Ter todas as etapas de ensino obrigatorio é un reto precioso, para axudar ao alumnado a vivir ese cambio que representan estas etapas educativas, desde a infancia á adolescencia. O método Montessori desenvolve as capacidades emocionais e prepara para contribuír activa e positivamente na sociedade, segundo medran. Tamén aproveitamos as posibilidades pedagóxicas da colexiata e a súa contorna», esclarece.