Diego Aragunde: «Temos moitas incertezas sobre como conciliar e organizar o próximo curso»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O futuro do comedor escolar, que tivo 370 usuarios este ano, preocupa moito, di o presidente da ANPA do colexio público Pío XII

24 jun 2020 . Actualizado a las 11:08 h.

A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Pío XII abriu a inscrición para utilizar o comedor o próximo curso «e nos primeiros días houbo o triplo de participación que outros anos. Esta vez é moi importante, porque en igualdade de condicións hai preferencia para usar o servizo segundo a orde de entrada. Agora mesmo temos moitas incertezas sobre como conciliar e organizar o próximo curso. En xullo e agosto teremos que traballar, aínda que a directiva da ANPA non somos profesionais; sabemos que vai ser complexo de xestionar o regreso ao cole», afirma Diego Aragunde, presidente da ANPA.

Este é o colexio público con máis escolares da cidade. «Temos 370 usuarios do comedor escolar, 150 de madrugadores, e moitos de actividades extraescolares. Todos os servizos os xestiona a ANPA. Contratamos o comedor a unha empresa externa, Ruta Jacobea, e as familias transmiten satisfacción por como funciona, e hai moita preocupación polo seu futuro», explica.

Para o próximo curso «pedimos un plan específico para o regreso ao colexio e que se renoven ou melloren as ferramentas que se utilizaron, pois en infantil e nos primeiros cursos de primaria non poden traballar como nos últimos meses, os pais estamos asumindo a carga lectiva coa nosa situación diversa de traballo e conciliación. Tamén pedimos un protocolo sanitario, e que nos informen como poderemos prestar servizos. Ao mellor non poderán utilizar o comedor tantos escolares e non sabemos se haberá máis dunha quenda, ou se van comer nas aulas cun modelo á xaponesa, o que esixiría máis traballadores; ou se van diminuír o número de participantes nas actividades extraescolares, pois nese caso hai monitores que tal vez non lles compense. Non sabemos que dicir aos pais, se poderán conciliar en setembro, deixar os fillos no colexio entre as 7.40 e as 18.00 horas como podían facer neste curso. Talvez moitas decisións serán despois das eleccións. Debía haber un consenso previo sobre eses temas», afirma.

Diego asumiu a presidencia este ano: «É como unha carreira de relevos, pois xa pertencía á directiva, como a maioría do resto da directiva. Facemos unha xestión continuista, con transparencia e participación. Temos unha web propia, onde admitimos suxerencias, facemos consultas, e funciona ben», indica.

Antes da pandemia «denunciamos a situación do pavillón deportivo, porque ten filtracións, o chan levantado e outras deficiencias, o que provocou suspensións de aulas de educación física durante o curso, e de actividades de baloncesto do Pío XII e do Rosalía. Está pendente aínda de solución».

Foi un tema que atrasou a pandemia, pois do Concello prometeran actuar. «A situación tras o estado de alarma foi moi complexa. Temos 17 empregos, que levan moitos anos no centro. Decidimos axudar os traballadores que dependen de nós, dando estabilidade e cubrindo o 30 % que van perder por causa do ERTE; cando retornen ao seu emprego o curso que vén abonaremos esa cantidade da nosa tesourería».

A ANPA tamén lles devolveu ás familias asociadas o 50 % da cota de marzo. «E aos provedores, e aos autónomos que se ocupan das actividades extracurriculares, xa lles aseguramos a renovación dos seus servizos nas mesas condicións. Tamén colaboramos co colexio estes meses no que puídemos. Denunciamos na Inspección de Educación os medios con que se funcionou, Abalar e a Aula Virtual, pois faltou interacción entre docentes e alumnado. Pedimos que polo menos houbese unha videochamada á semana dos docentes para non perder a relación, e moitos non chamaron; o mesmo pasou en moitos outros centros», di.