Elvira Fidalgo: «Preferiría dar clase con máscara e cos estudantes espallados pola aula»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A catedrática de Filoloxía Románica cre que se terá que dar unha volta ao ensino coma a un calcetín pola pandemia

23 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha especialista de referencia na lírica galego-portuguesa medieval, e, logo de oito anos acreditada, acaba de acceder á cátedra de Filoloxía Románica na USC. Elvira Fidalgo Francisco (Flariz de Monterrei, 1962) é desas profesoras ás que lles gusta máis a docencia que a investigación. «Gústame interactuar cos estudantes, amosarlles unha perspectiva diferente coa que observar as obras literarias, diferente da que poden atopar en calquera manual, e que moitas veces son perspectivas que eu aprendín como froito da miña investigación e das miñas lecturas persoais», sinala Fidalgo.

Sobre os cambios que se aveciñan derivados da pandemia, considera que será complicado para todos: «Buf, teremos que darlle unha volta ao ensino coma a un calcetín. Se as bibliotecas permanecen pechadas, porque non todo está en Internet nin é igual de fiable, non será fácil, mentres que aos profesores vainos obrigar a facer un traballo suplementario, preparando material docente (audios e vídeos) para colgar na aula virtual». Á pregunta directa de se este foi un cuadrimestre perdido responde que «para nada», se ben recoñece que igual non foi todo o produtivo que puido ser. «Tiven que reducir un chisco os contidos previstos, pero saquei as materias adiante. E penso que os estudantes están satisfeitos coa docencia impartida». Con todo, a nova catedrática dubida da «telepresencialidade: eu preferiría dar clase con máscara e cos estudantes espallados pola aula antes que quedar na casa e conectarme a Internet».

En canto á literatura galego-portuguesa dos séculos XII e XIII, exprésase con rotundidade: «Son as raíces da nosa cultura, non só da nosa cultura como galegos, senón da nosa cultura occidental. As cantigas, tanto as de carácter profano como de contido relixioso, son o retrato da sociedade nun momento determinado. Lendo estes textos dámonos conta de que avanzamos moito como sociedade, pero no fondo non estamos tan afastados daquela xente. Seguramente non confiaremos a curación desta pandemia a un santo milagreiro, pero haberá moita xente que non pare de rezar para non contaxiarse ou curarse».

Por outra parte, resulta curioso que non haxa constancia de ningunha muller trobadora, «aínda que a escola galego-portuguesa é a que máis textos pon en boca de muller: son arredor dunhas cincocentas cantigas de amigo», tal como especifica a investigadora que tanto escribiu sobre a nosa lírica medieval. Tamén engade que a música é «esencial», xa que son textos concibidos para seren cantados, aínda que non lle «desagrada» a versión de Amancio Prada. «Nas clases póñolles Leliadoura, porque, aínda que non é a tonada medieval, ten sentido estético e permite ver ese runrún do paralelismo e o leixaprén dos textos. A virtude da composición de Amancio é que fixo accesibles as cantigas ao gran público», subliña.

Sobre o galego actual, Lourenzo Fernández Prieto asinou recentemente neste xornal unha defensa a favor de instituír un Día da Fala, argumentando que hoxe é máis necesario que o Día das Letras Galegas. «Lamentablemente teño que dar o meu brazo a torcer e admitir que cada vez menos xente fala galego. Vas pola rúa e escóitase máis castelán que galego, e estamos en Santiago, que penso que é unha das cidades onde máis galego se fala… Teño medo de que o galego acabe sendo a lingua da Administración, a televisión e os actos públicos, pero que deixe de ser a lingua vehicular dunha comunidade», reflexiona Fidalgo.

Como muller, Elvira reivindica que a sociedade non as trate de xeito diferente por ser homes ou mulleres: «Que se atenda ás nosas particularidades como individuos, pero que non teñamos que renunciar a nada para ser o que queremos ser, dentro e fóra do lugar de traballo e na casa».