Máis de 300 pezas amosarán o labor en prol da cultura galega da xeración Nós

Formarán parte da exposición que a partir de outubro se exhibirá na Cidade da Cultura


santiago / la voz

Máis de trescentas pezas, algunhas chegadas doutros países -como Alemaña, Francia e Portugal-, formarán parte da exposición sobre a xeración Nós que a partir de outubro se exhibirá na Cidade da Cultura e que posteriormente -xa no ano 2021- poderá ser visitada tamén en Ourense e Pontevedra.

Con esa presenza de pezas doutros países a mostra «Galicia, de Nós a nós» porá o foco nas conexións internacionais da revista Nós, da que este ano se conmemora o seu centenario, e nas dos seus impulsores, e afondará na dimensión de universalidade e apertura da cultura galega, segundo destacan desde a Consellería de Cultura. A exposición tamén incidirá no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século pasado, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e cultura galega.

A mostra, que tivo que reprogramar as datas debido á crise sanitaria, está comisariada polo investigador e académico da RAG Afonso Vázquez Monxardín e pola profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña, que onte participaron nun encontro de traballo co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, así como coa directora da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Nesa reunión presentouse a imaxe gráfica da mostra, creada polo deseñador gráfico, infografista e ilustrador Álvaro Valiño. O deseño busca contribuír, segundo destacan desde Cultura, a refrescar e actualizar a imaxe e a relevancia de figuras como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, coa ollada posta no público xeral, e especialmente nas xeracións máis novas.

Por outra banda, coas máis de trescentas obras que conformarán esta segunda exposición do Xacobeo 2021 -a primeira foi «Galicia, un relato no mundo»- a Xunta tamén pretende dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. Así, para a mostra cederán pezas un total de 51 institucións, das que 45 son galegas, dúas do resto de España e catro internacionais.

Ademais, contará con achegas de oito prestadores privados. Entre as institucións galegas que colaborarán na mostra están a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, o Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, O Museo de Pontevedra ou o Museo Provincial Arqueolóxico de Ourense, amais das universidades ou o Parlamento.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Máis de 300 pezas amosarán o labor en prol da cultura galega da xeración Nós