Faia Díaz: «Sentarse e gozar da música unha hora vainos vir moi ben a todas»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

BASILIO BELLO

A cantante ofrecerá este domingo no Gaiás o seu primeiro concerto en directo tras o covid-19

19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non parou, porque a música seguiu estando presente no seu día a día, pero a cantante Faia Díaz ten a vista posta neste domingo, día 21. A partir das 17.30 horas, no Museo Gaiás, ofrecerá a súa primeira actuación en directo desde a crise sanitaria do coronavirus. As 60 entradas xa levan días esgotadas. «Despois de tanto tempo sen facer concertos, hai especiais ganas, pero tamén estamos moi curiosos por ver como funciona e por procurar pasalo igual de ben ca sempre», explicaba onte pouco despois dos primeiros ensaios a artista, que tamén forma parte do grupo De Vacas e do Coro Encaixe.

Este regreso da cantante aos escenarios será co seu proxecto persoal, Faia, no que está acompañada no escenario polo músico Benxamín Otero, que toca o oboe e o corno inglés. A artista explica que, precisamente, polas características da proposta e que só fan música, é máis doado cumprir os novos protocolos. Agarda unha resposta diferente debido a distancia física que terá que cumprir o público? «Seguramente será un dos concertos máis especiais que fixemos ata o de agora polas circunstancias, pero creo que vai funcionar ben porque a xente ten ganas de esquecerse da dinámica destes días, que está sendo bastante complexa. Sentarse, aínda que sexa por unha hora, a deixar a cabeza voar e gozar da música vainos vir moi ben a todas», afirma a artista. Faia recoñece que, se ben é certo que hai ganas de ofrecer o concerto, «despois de tres meses con esta preocupación e estes protocolos de saúde, imos con coidado».

Nesta actuación, que terá unha duración dunha hora e será tamén transmitida por streaming por parte da Cidade da Cultura, Faia ofrecerá algunhas das pezas do seu disco, Ao cabo leirín, e outras máis que seguen a liña deste traballo. «De feito, a escolla que fixen para o directo, son cancións exclusivamente recollidas das seis mulleres que aparecen no disco, e ten temas que me ensinaron elas. Traballo co imaxinario delas», afirma, apuntando que o obxectivo mantense: «Reivindicar o patrimonio de transmisión oral que temos, que foi esencialmente transmitido polas mulleres, poñelas a elas no centro de debate».

Durante o confinamento e o estado de alarma, a cantante ofreceu ao principio un concerto por streaming, e tamén participou nas iniciativas con De Vacas, ademais de colaborar con outros proxectos, caso de A fala, xunto con Uxía, ou O maio, unha proposta do Consello da Cultura Galega, con composicións de Nastasia Zürcher e Adrián Saavedra. Continuará con estas iniciativas no eido virtual? Faia Díaz explica que co grupo De Vacas xa habitualmente fan pezas para subir ás redes sociais e videoclips, así que a cousa non variará moito. Engade que neste tempo de confinamento lle chegaron propostas para colaboracións: «A xente está con ganas de facer cousas».

Polo de pronto, Faia Díaz ten previsto xa un novo concerto en directo este mes en Compostela. Será o día 26 no parque da Música coincidindo coas actividades da Prima20 e a partir de hoxe poderanse reservar as entradas. En xullo estará no Barco. «Teño ganas de tocar coa xente cerca, é o que me pide o corpo, e oxalá poidamos facelo dentro de pouco máis de preto, sen tantas distancias nin protocolos; pero, igual que o fan o resto de sectores, tamén na cultura o temos que cumprir», incide a cantante, que engade que, aínda que xa leva traballando algún tempo no próximo disco, ao actual quédalle percorrido en directo.

O domingo, no Día da Música na Cidade da Cultura, ademais de Faia Díaz, actuarán El afecto ilustrado, un sexteto de música clásica (12.00 horas); e Chisme, o proxecto musical do tamén dramaturgo e actor Fernando Epelde (21.00 horas).