Manuel González: «Xuntamos o trap e a muiñeira aproveitando as súas coincidencias»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ALBA BUGG

O dúo Boyanka Kostova lanzou o día 5 o disco «Os dous de sempre», con temas máis «madurados»

16 jun 2020 . Actualizado a las 09:30 h.

O concerto inicial da xira co seu segundo disco, Os dous de sempre, ía celebrarse na sala coruñesa Mardi Gras o mesmo día que se decretou o estado de alarma. Tamén en marzo ía ver a luz este novo traballo do dúo compostelán Boyanka Kostova, pero finalmente foi o pasado día 5 cando o lanzaron, e a resposta que están obtendo é moi boa. «Está funcionando moi ben nas redes sociais. Entón, do que máis ganas temos agora mesmo é de ver como responde a xente nos concertos en directo. Se o incremento que se viu nas redes se traduce en afluencia e o a fuego que estea o público con nós vai ser bestial», asegura Manuel Chicho González González, compoñente deste dúo xunto a Cibrán García García.

O título do traballo, Os dous de sempre, xa denota os seus sinais de identidade. Por unha parte a referencia a Castelao, «que somos fans del», e por outra banda «nós tamén somos os dous de sempre, levamos facendo música xuntos desde hai moitísimo tempo». E desde esa normalidade de ser os dous de sempre é desde a que fala Chicho para explicar a música dos considerados como os pioneiros do trap galego. «Antes de nada, queremos ser coherentes. O xénero que, entre aspas, facemos está identificado con certas temáticas, e nós, como somos rapaces de aquí de Santiago sen malicia ningunha e que nos gusta pasalo ben, reproducimos a nosa vida a través diso, e facémolo en galego porque non ten sentido falar co teu compañeiro en galego e compoñer en castelán», afirma, para engadir que «somos galegofalantes e estamos na vintena, e non podemos deixar desatendida ningunha das dúas cousas».

Posiblemente unha das cancións deste novo disco, Muinheira de interior -que conta tamén cun videoclip-, sexa un bo exemplo desa mestura, coa muiñeira e o trap indo da man no mesmo tema. Ao igual que o gaiteiro Carlos Núñez, lembran esa conexión de ambas as músicas. «Son cancións en catro pulsos subdivididas en golpes de tres. Se quitas sintetizadores, gaitas e demais, o esqueleto rítmico do trap e o da muiñeira son iguais, como pode pasar coa rumba e o reguetón. Como hai esa coincidencia, aproveitámonos dela para xuntalos», afirma Chicho González. E despois de pensar que tema podían coller como base optaron pola Muiñeira de Cabana, do grupo Milladoiro, e interpretan con ela letras dos temas Arrastráchelo cu polas pallas e Unha noite no muíño. Este segundo traballo complétano outros seis temas máis, que foron desenvolvendo durante máis dun ano. «Realmente non pensabamos facer un disco, senón que fomos facendo temas e chegou un momento no que parecía que as cousas tiñan sentido xuntas», explica o músico. Así que entre a gravación da primeira canción e a última pasou un ano.

E marcan moitas distancias co seu primeiro traballo, Nova canción galega? «A única diferenza que podemos notar nós é que no anterior chegabamos e faciamos unha canción do que se nos ocorría, e esta vez teñen un concepto máis traballado. Por exemplo, a da muiñeira tivemos que madurala moito para que quedara simpática e como nós queriamos. Neste disco as cousas están máis maduradas. Non é mellor nin peor que o primeiro, pero é a diferenza», responde. Iso si, «se a alguén lle interesa o que pensamos nós a nivel persoal vaino atopar máis en Nova canción galega». Á hora de elixir os temas para abordar, a condición «é que sexa algo que nos represente a nós en primeira instancia e no que poida verse representado calquera que o escoite despois, con iso xa nos vale», destacando que «somos dous rapaces e intentamos pasalo ben». Ademais, en canto a estilos «é un pouco o que vaia xurdindo, hai temas máis trapeiros, máis reguetoneiros, boleros...», di Chicho, que ten claro que se vivira hai 600 anos sería un xograr.