Antón Pedreira: «Temos moitas gañas de facer a Feira do Libro; é un paso adiante neste regreso»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

A estrutura desta edición que empeza o sábado variará polos protocolos sanitarios

11 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os libros volven á Alameda deste este sábado ata o día 21 de xuño. Santiago acollerá a primeira Feira do Libro da era covid-19 de España. «Temos moitas ganas de poder facela; é un paso adiante en toda esta volta á normalidade», asegura Antón Pedreira, responsable da libraría Pedreira. A cita, que estaba prevista inicialmente para finais de abril e principios de maio, non puido celebrarse entón polas limitacións debido ao estado de alarma. A idea de retomala e que Compostela non se quedara sen este xa tradicional evento literario de cada primavera xurdiu conforme ía avanzando a desescalada e o anuncio de que xa se ía poder mudar de provincia. Así que, despois de obter o visto bo tanto da Xunta de Galicia como do Concello, decidiron celebrala. «É bo empezar a dar un pouco de vida, aínda que temos que buscar novos cauces e reinventarnos, as feiras do libro teñen que seguir estando aí, estar a pé de rúa», engade.

Sen embargo, pouco terá que ver esta edición coas dos anos anteriores. «Vai ser todo cun estrito control sanitario», afirma Pedreira. Así, as casetas reduciranse a seis, de catro por catro metros cada unha, e, a diferenza doutros anos, van estar pechadas -é dicir, o público non poderá entrar no seu interior- e separadas entre elas por tres metros de distancia. Ademais, non haberá unha carpa cuberta, xa que limitaría máis o número de asistentes. A todo isto, engadiránselle sinalización, xeles e outras medidas de desinfección dos exemplares unha vez peche a feira tanto ao mediodía como a noite, entre outras medidas. Os libreiros, ademais, deberán controlar a temperatura a súa chegada. As sinaturas dos exemplares por parte dos escritores e escritoras farase nunha caseta específica dotada cunha mampara. Precisamente, Pedreira salienta que as feiras do libro permiten unhas maiores posibilidades para desenvolver este tipo de actividades que as propias librarías, polo de agora máis limitadas polas restricións de aforo ao ser espazos pechados.

«É bo que a xente perda ese medo, que se acerque ás feiras do libro, e chegar á normalidade e facer cousas», afirma Antón Pedreira, quen detalla que «o aspecto económico non se vai mirar nesta ocasión, non ten sentido, todo é ver como a xente reacciona». Nese senso, lembra que o público do libro «é moi comprometido». Tamén salienta a boa acollida por parte dos escritores da iniciativa. «Foi tremenda a súa resposta. Volcáronse con nós», afirma, apuntando ao gran número que se pasará pola Alameda para asinar exemplares durante os nove días. Entre os que xa anunciaron que estarán presentando o seu traballo atópanse, entre outros, Manuel Rivas, Elba Pedrosa, Xosé A. Neira Cruz, Rosa Aneiros, Manuel Portas, Héctor Cajaraville, Marilar Aleixandre, Irene Tomé, Xabier Ron, Vicente Vázquez Vidal e Roberto López Cagiao. A encargada de ler o pregón, o sábado, ás 12.00 horas, será a xornalista e escritora María Solar, que tamén asinará exemplares posteriormente.

«É importante que a xente colla un pouco de vida e esas ganas do libro e de ler. Era importante retomar as feiras», afirma Antón Pedreira. A súa libraría será unha das seis asistentes á cita, na que tamén participarán as compostelás Numax, Alvarellos e A Gata Tola, así como Cortizas (Ferrol) e Ler (A Pobra do Caramiñal), habituais outros anos na Alameda. Precisamente, destaca a boa resposta do sector para celebrar a feira. Así, haberá un abano de especialidades, que van desde a banda deseñada ao libro galego.