Elías Torres: «A "camiñización" opaca a realidade universitaria e cultural de Santiago»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O estudo galardoado co Premio de Investigación da Cátedra do Camiño analiza o impacto do fenómeno xacobeo na poboación local

10 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Bem-estar comunitario e visitantes a través do Caminho em Santiago. Grandes narrativas, ideias e práticas culturais na cidade. Este traballo, froito de dez anos de investigación de Elías Torres Feijó, actual decano da Facultade de Filoloxía e coordinador do grupo Galabra, foi o gañador dunha nova edición do Premio de Investigación da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións da Universidade de Santiago. O xurado destacou como grande achega deste estudo do impacto do fenómeno do Camiño na poboación de Santiago o concepto de camiñización da identidade da cidade. «Coa camiñización o que queremos dicir é como unha visión máis plural está sendo reducida a todo o que ten que ver co mundo do Camiño e vai opacando a realidade universitaria, patrimonial e cultural de Santiago, así como de capital da Galicia. Son ideas que aínda persisten na xente galega en relación con Compostela, pero non na que vén de fóra, que a ve como un puro produto do Camiño», afirma o autor. Este feito, engade, ten dous efectos: «A idea de que Santiago é unha meta á que hai que chegar -e polo tanto non se vai máis alá do mundo de Santiago e de Galicia- e a indiferenza diante da comunidade e da cultura local».

Unha camiñización que se manifesta na nova oferta de establecementos comerciais e nos produtos en venda que se vinculan ao Camiño, o despoboamento do centro histórico abandonado pola poboación local debido á masificación de visitantes e a falta de servizos, entre outras. «Persoas que coñecen Santiago desde os anos 90 cren que sempre foi así, pero non é certo. Esas perdas e transformacións creo que non son boas para a cidade», explica Torres Feijó. Engade que de xeito paralelo a este mundo ligado ao fenómeno xacobeo xorden novos espazos verdes, «e estamos advertindo como moita xente de Santiago os coloca como os máis queridos fronte a outros que podían parecer máis emblemáticos».

Outro dos aspectos no que afonda o traballo gañador é como os «macrodiscursos» sobre Santiago impulsados nos 80 pola Igrexa católica, por institucións como a Unesco ou a Unión Europea e pola novela Diario de un mago, de Paulo Coelho, «incidiron nos modos de ver Santiago e a comunidade local». Uns discursos que, apunta, «foron a base sobre a que se apoiou, de maneira directa ou indirecta, a promoción que do Camiño se fixo a partir do Xacobeo 93».

Elías Torres Feijó considera que o premio da Cátedra do Camiño é o recoñecemento a un traballo de investigación que non é só individual, senón dun grupo, que se centrou, neste caso, nas xentes de Santiago en relación aos visitantes. Un traballo a través do grupo Galabra do que tamén formaba parte a exposición «A cidade, o Camiño e nós», que se puido ver na Alameda e en centros culturais composteláns. Precisamente, destinarán o diñeiro do galardón á continuación destas investigacións. Nos estudos sobre os visitantes á cidade unha das conclusións «é que aqueles que teñen en mente pasear pola cidade, o patrimonio, coñecer as súas xentes... aumentan o gasto, algunhas veces multiplicándoo por 10, e outras ata por 40». Tamén indicou que noutra investigación paralela que fixeron «vimos que hai unha boa disposición da xente de Santiago para falar cos turistas». Noutras preguntas, neste caso a visitantes, un 25 % recoñecían que non fixeran ningún gasto en comida ou bebidas na cidade de Santiago.

Para Torres Feijó «temos que traballar colectivamente, e, principalmente, os que teñen responsabilidades teñen que pensar e repensar Santiago», e considera que a actual crise do coronavirus pode ser un bo momento para isto. «Non é bo para unha comunidade que parte dos elementos que lle deron a súa razón de ser desaparezan», afirma.