Anna R. Figueiredo: «Co Festival Virtual do Libro pensamos en crear como un Netflix da cultura»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

Desenvolverase do 26 ao 28 de xuño e reunirá a medio cento de creadores galegos

06 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñer en valor toda a creación galega ligada ao libro e a literatura. Ese é o obxectivo co que nace o Festival Virtual do Libro, que se desenvolverá do 26 ao 28 de xuño e reunirá a máis de medio cento de autores e autoras nas súas diferentes actividades, que van desde presentacións a debates, recitais, proxección de documentais... A idea empezou a tomar forma o 21 de marzo, poucos días despois de decretarse o estado de alarma. «Vendo como estaban reaccionando outras literaturas ao momento de confinamento, pensamos: por que non ser pioneiros por unha vez en Galicia e facer un festival, como poden ser os musicais, pero artellado ao redor da palabra escrita, e crear como un Netflix da cultura aproveitando os novos medios. Non se estrea ata ese día, pero unha vez que pasou, vas poder volver a ver e desfrutar desa presentación literaria, desa mesa redonda, dese intercambio de opinións, dese recital poético que nunca te atreviches a ir porque non sabías ben o que era, ou o poetry slam...», explica a escritora e unha das organizadoras da iniciativa Anna R. Figueiredo.

Serán tres xornadas nas que as actividades previstas buscarán dar «unha visión global da moitísima riqueza cultural que temos» xa que detrás da proposta está a meta de «poñer en valor toda a creación de calidade que se fai en galego». Non só estarán propostas de residentes en Galicia, senón que chegarán tamén dende outros puntos, como Nova York, Zürich, Madrid e Barcelona. «É toda cultura producida en galego», di Anna R. Figueiredo.

Unha iniciativa virtual na que tentan cubrir un amplo espectro, desde a banda deseñada ata a tradución, e tamén para diferentes idades. «En principio, calquera podería atopar o que lle gustase. Temos clubes de lectores coa participación de Berta Dávila e Pedro Feijoo, entre outros; presentacións máis ao uso; mencións á hemeroteca deste ano, como poden ser Concepción Arenal, Xeracións Nós, Carvalho Calero... Tamén haberá creación teatral, o traballo dos actores, propostas poéticas, entrevistas, documentais... Na maior parte delas incluirase unha fiestra-chat para poder interactuar», relata Anna R Figueiredo, que impulsa esta proposta xunto con Nacho Alonso e a firma Datalib. Ademais de Dávila e Feijoo, entre os creadores participantes atópanse, entre outros, Domingo Villar, Helena Villar Janeiro, Antía Yáñez, Iria Sobrado, Armando Requeixo, Malores Villanueva, Francisco Castro, Mercedes Corbillón, Francisco Castro, Ledicia Costas, Arantza Portabales, Carmen Blanco, Diego Ameixeiras, Camilo Franco e Marilar Aleixandre. A coordinadora destaca a boa resposta que tivo de todos eles para sumarse a esta iniciativa que pretende que o libro e a literatura galegos non queden parados polas circunstancias que vive o mundo polo coronavirus. Algunhas das actividades previstas xa poden consultarse na páxina web da cita, www.fliv.gal.

A iniciativa chegará cando xa se estea na nova normalidade, «pero non perde valor», asegura a coordinadora do novo festival, apuntando a que se trata dunha proposta compatible coa reanudación das actividades presenciais. Para Figueiredo, «democratiza a accesibilidade», xa que para ir a unha feira, se non es dese sitio, tes que desprazarte; ademais facilita desfrutar das propostas cando un poida, poñendo o exemplo das presentacións, que se á hora da súa celebración non podías acudir, xa non había posibilidade de gozar dela. «Estamos dando a coñecer un montón de autores e autoras, de obras de teatro, de discusións que pode haber dentro da innovación creativa..., que poden animarte a ir a túa librería local a investigar. Queremos levar a promoción cultural un paso máis alá, que é complementario co que hai, non vén a derrubar ningún valado», afirma, apuntando que o feito de que haxa xa outras propostas presenciais «non entra en colisión con ter un catálogo virtual». Ademais, lembra que este tipo de festival ten como principal elemento distintivo «a posibilidade de xuntar a moito público potencial».

Aínda que a iniciativa pretende dar resposta ao momento singular xerado pola crise sanitaria do coronavrius, a idea dos organizadores é poder darlle continuidade nos vindeiros anos.