Unha ofrenda floral lembra a Carvalho Calero ao pé da súa casa en Santiago

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A actividade está organizada pola RAG

17 may 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

A Real Academia Galega organiza esta mañá un acto simbólico en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero ao non poder celebrarse a actividade académica prevista polo Día das Letras Galegas debido ao estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus. Trátase dunha ofrenda floral ao pé da casa que tiña en Carreira do Conde o escritor e polígrafo nado en Ferrol. O acto estará encabezado polo presidente da RAG, Víctor Freixanes, que estará acompañado por Margarita Ledo, que lerá un poema. Participarán como convidados o conselleiro de Cultura, o presidente do Parlamento de Galicia, o alcalde de Santiago e o reitor da USC.

Despois, o resto de actividades con motivo dos Días das Letras, serán a través da Rede. A Cidade da Cultura publicará un vídeo con lecturas de poemas de Ricardo Carvalho Galego despois de abrir a actividade á participación. O Concello de Santiago, que publicou o libro A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero, continuará coas actividades desenvolvidas desde os centros socioculturais. Hoxe, a partir das 20.00 horas, será a quenda de Magín Blanco. A Baña, pola súa banda, estreou o documental «Rutas literarias As Rapazas de Xan», cun percorrido pola parroquia de Cabanas amosando os lugares nos que vivían as personaxes do libro de Manuel Igrexas Turnes.

Por outra banda, as librarías tamén se suman á festividade. Numax anunciou descontos dun 5 % para os pedidos de libros en galego a través da Rede; a libraría Couceiro abrirá nesta xornada as súas portas, e Pedreira desenvolve presentacións virtuais.