Sesenta familias promoven un colexio de infantil e primaria só en galego

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

Pretenden reunir nun só edificio os tres centros da escola Semente da cidade

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de familias de Santiago, co apoio da asociación Gentalha do Pichel, promoveron hai 9 anos a escola Semente, na rúa Salvadas. Pretendían un centro para escolarizar as súas fillas e fillos en galego. Nos anos seguintes, novas familias e persoas apoiaron a iniciativa. Abriron unha segunda escola infantil Semente, na Torreira. Cando o primeiro alumnado chegou á idade do ensino primario, escolleron outros centros da cidade. Porén, os pais e as nais preferían o modelo da Semente, e conseguiron que lles aprobasen unha escola internacional, que abriu hai dous cursos nas Cancelas. A iniciativa envolve agora a máis de 60 familias, que queren xuntar os tres centros. Xa se fixeron cunha antiga vivenda, en Moas de Abaixo, e realizan unha campaña de mecenado para xuntar un mínimo de 90.000 euros para rehabilitar ese espazo como o centro de infantil e primaria que ansían.

Así o esclarece a recoñecida actriz e xornalista Comba Campoi. Ela é unha das persoas que escolleron esta escola para os seus fillos. «É un proxecto pedagóxico moi interesante e queremos que se consolide. Nas Moas pretendemos intervir nun edificio de 600 metros cadrados, e 3.500 máis de terreo, que favorecen o traballo co alumnado en contacto directo coa natureza. Ese é un dos obxectivos centrais da Semente. Xa nos actuais locais hai hortas, con ese fin», esclarece Comba.

Na vivenda de Moas precisan acondicionar as aulas e os restantes espazos necesarios. Tamén se instalará un elevador. «É un proxecto ambicioso, queremos que teña as mellores condicións para o ensino. Aínda que non se trata dun colexio privado. As familias traballamos por dar continuidade a un proxecto pedagóxico. Tanto en infantil como en primaria o alumnado non está segregado por idades. Nunha mesma aula hai escolares entre 6-8 anos; é un modelo que considera interesante que diferentes idades convivan, que se apoien, para fortalecer a cooperación. Un modelo semellante ao que funcionaba no rural galego, con moitas vantaxes pedagóxicas», acrecenta Comba Campoi.

«No anterior mandato municipal tentamos, sen éxito, que o Concello nos cedese algún local ou terreo . Vimos que a única solución para termos un local novo pasaba por tomarmos a iniciativa e mercar un espazo apropiado. O de Moas reúne os requisitos. Agora o obxectivo é conseguir o financiamento necesario para facer todas as reformas que precisa».

Comba insiste en que as familias colaboran «como xa facemos agora para o mantemento dos tres locais. A Semente é un proxecto comunitario, do que somos parte as familias. Non se trata dunha empresa que ofrece un servizo, onde deixamos os nosos fillos e fillas e nos esquecemos; como familias participamos no financiamento, na xestión da escola. Hai unha organización asemblearia, é un proxecto desde a sociedade civil. Consideramos que é unha boa maneira de manter a lingua do país, por falta de maior implicación desde as Administracións».

Algunhas familias son de Teo ou Ames «aínda que a maioría residimos en Compostela. Hai un proxecto semellante en Brión, no que se traballa desde o ano pasado, e confiamos que se promovan máis. O ideal é que sexan escolas de proximidade. Moas de Abaixo facilita usar o transporte público, unha opción tamén moi interesante», di Comba Campoi.

A primeira semana reuniron o 25 % dos 90.000 euros que necesitan conseguir

A campaña de mecenado permanece aberta. Toda a información está na Rede, en “Projeto Moas», e para contribuír no enderezo https://gl.goteo.org/project/projeto-moas e aí levan reunidos máis do 25 %, xa superan os 27.000 euros, dos 90.000 euros que necesitan conseguir para garantir a viabilidade. Aínda que a cantidade óptima son 130.000 euros, indican. Tiveron máis de 150 achegas para atinxir o financiamento que se propoñen. Chegaron desde lugares ben distintos, como a Amazonia, Quebec (do Canadá), o Curdistán ou a comunidade de Asturias, aínda que a maioría son galegas e da comarca de Compostela. Entre quen apoian a iniciativa hai así mesmo nomes ben coñecidos da cultura do país.