Xosé Sánchez Bugallo: «Confío totalmente en que a economía de Santiago estará recuperada nun ano»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O programa de bonos para a compra de alimentos, que empezou con 500 familias, chega xa a case 1.300

11 may 2020 . Actualizado a las 02:46 h.

O compromiso da xente. Esa é a principal lección que Xosé Sánchez Bugallo saca destes dous meses de crise sanitaria nos que sostén que o Concello estivo «á altura». Tamén a oposición, afirma, «e non sería xusto se non o dixese». Á fronte da resposta local a esta situación, insiste na chamada á responsabilidade da sociedade, agárrase ao convencemento de que, nun ano, Santiago estará recuperada e mantén que a confianza na cidade e a seguridade son claves.

-¿Estaba preparado o Concello para xestionar esta crise?

-Ningunha institución pública nin empresa estaba perfectamente preparada para este escenario. Pero hoxe, dos 212 funcionarios que solicitaron acollerse ao teletraballo, 180 están teletraballando e os outros 32 non é por falta de servidores municipais, senón por problemas no seu propio domicilio.

-Esta pandemia puxo a proba a capacidade de resposta de todas as Administracións en moitas frontes, e todas urxentes...

-Houbo moitas cousas, como a capacidade dos servizos de emerxencia, que funcionaron fantasticamente, pero no primeiro momento, sen lugar a dúbidas, o tema máis duro, e máis sorprendente pola súa magnitude, foi o colapso social. Tivemos unha feliz iniciativa, que foi a de pór en marcha os bonos para alimentos, que creo que dá moitísima dignidade ás persoas, pero nunca pensei que pasaramos de 500 familias acollidas a ese sistema, e estamos rondando as 1.300. Pero fomos quen de responder. O conxunto dos servizos municipais responderon moi ben e creo, sinceramente, que estivemos á altura.

-Parte desa demanda vén de xente con ERTE, pero outra evidencia economías máis febles. ¿Se lles escapaba algo aí?

-Nestas situacións afloran as costuras e as contradicións da sociedade. Hai persoas que traballaban en negro e persoas con contratos por horas e sen alto poder adquisitivo pero que vivían con dignidade e que neste escenario quedan desvalidas. Máis do 60 % son xente que nunca pasaran por Servizos Sociais e nunca pensaron que pasarían por alí.

-¿E cando se recuperará isto?

-A saída será paulatina, pero estou convencido de que a economía de Santiago, o ano que vén por estas datas, estará recuperada e nun escenario mellor que a media. Antes é evidente que imos sufrir: empresas, traballadores e o conxunto da cidade, pero creo que estamos aí, estamos respondendo tanto na fase de atención social, como agora, tratando de apoiar a todos os sectores para a súa recuperación e teño confianza absoluta nesa recuperación nun ano.

-¿Fía esa confianza ao Xacobeo?

-É un tema que vai axudar moito, pero son máis cousas. Hai unha serie de programas que temos lanzados para a diversificación e ampliación da base económica da cidade; e chegarán cambios no turismo, non sei se de curto prazo ou para quedar, pero o excursionismo sufrirá e se recuperará mellor o que ten unha maior estancia e nivel de esixencia. Para recuperarnos, a clave son ideas claras e xerar confianza, garantir que Santiago é un destino seguro. E importante que a xente vexa que esta é unha cidade cun proxecto claro e na que todos traballamos para sacalo adiante, e aí é importante que axentes sociais e forzas políticas saibamos estar á altura das circunstancias.

-Vostede sostén que o comercio require unha renovación, pero agora mesmo sería partindo dunha situación moi delicada.

-O comercio xa tiña unha crise anterior polas ventas online, e non é fácil pensar que agora non vaia aumentar o peso dese segmento. Terá que competir nun novo escenario e apostar tamén por esa venta e reforzar a calidade da presencial. E, na medida das nosas posibilidades, queremos colaborar nesa renovación.

«Calculamos que os ingresos mingüen nuns 7 millóns e que os gastos suban 4»

A crise do covid xerou xa un gasto de 1,5 millóns que non estaban orzados. «E iso é importante que se saiba», porque «todo o mundo demanda que fagamos cousas, moitos nos piden que deixemos de cobrar, e ao tempo temos que atender aos gastos extraordinarios», di o alcalde.

-Iso vai alterar de forma importante os orzamentos.

-Si, vai ser unha proba moi grande. Calculamos unha mingua de ingresos de sete millóns e uns gastos a maiores do entorno dos catro millóns. Sométenos a unha tensión extraordinaria.

-¿Con que mecanismos contan para enfrontar ese escenario?

-Afortunadamente temos unha situación económica saneada e polo tanto botaremos man do superávit na medida en que nos sexa posible e se nos permita, e ao tempo teremos que recortar gastos nunhas partidas para compensar excesos de gastos noutras. E se en xuño empeza a paga social, en xullo poderiamos iniciar un desescalonamento de gasto social.

-A desescalada xeral está en marcha. ¿Están máis relaxados xa?

-Non. A desescalada xera tensións máis intensas. Hai máis matices e cambios que requiren un esforzo inmenso. Creo que o estado de alarma se debera prolongar, á marxe de que houbese acordos de etapificación coas comunidades, pero garantindo coherencia xeral nos protocolos de seguridade. Se cada unha ten os seus non se xeraría confianza ao turismo internacional.

 

«Os Fogos poderían ser a ocasión para dicir, aquí estamos»

A pandemia deixou aos valencianos sen Fallas e deixará aos navarros sen Sanfermíns.

-¿Haberá Fogos do Apóstolo?

-Non podo contestar aínda. Esta semana temos que tomar unha decisión. Eu persoalmente creo que a sociedade necesita un revulsivo de ilusión e ánimo e que as festas serían unha boa ocasión, aínda que sen grandes eventos e en formatos que aposten pola cultura de proximidade. Pero tamén son consciente de que hai unha sensibilidade cidadá que pode ver determinados eventos como unha falta de respecto ao loito que trouxo esta pandemia. Estou escoitando a todo o mundo, pero creo que hai que poñernos en como se verán as cousas o 24 de xullo, cal será o ánimo entón, porque hai cousas que non se poden improvisar. Eu son partidario de apostar, de ser positivo. Cústame moito renunciar a que o 24 non haxa algo na praza do Obradoiro e incluso algún aporte pirotécnico dende o exterior, algo que sirva de revulsivo e con transcendencia nacional e incluso internacional para demostrar que Santiago está ben: para dicir, aquí estamos, estamos en pé, e transmitir unha mensaxe de ilusión e alegría por vir aquí, senón a motivación para vir vai ser mínima.

-¿Que tirón se agarda agora do ano santo, porque hai que pensar que será máis limitado?

-Creo que vai ser moi diferente do previsto. Desas cifras que falaban de 10 millóns de visitantes, hai que esquecerse. A realidade non vai ser esa, pero pode ser un ano moi bo, e dende logo moito mellor do que sería se non houbese ano santo. Polo tanto, é unha oportunidade que temos que traballar con moito coidado, procurando non ferir sensibilidades e transmitindo, e isto é unha prioridade, unha imaxe de seguridade, confianza e ilusión.

-¿E como se articula esa seguridade?

-Temos que ter protocolos claros de seguridade en todos os establecementos turísticos e hoteleiros; e temos unha sanidade que demostrou unha calidade extraordinaria. Hai que facer as cousas ben e actuar con prudencia e responsabilidade. E insisto, a responsabilidade é de cada un de nós. A sociedade debe demostrar o que aprendeu e a madurez que acadou.

«A proposta de Acuaes é inviable e inaceptable»

Aínda que a xestión desta crise é a prioridade, Santiago segue pendente de concretar infraestruturas como a nova depuradora.

-¿Como se dixire no medio desta pandemia a proposta de Acuaes para a financiación da EDAR?

-Iso é inviable e inaceptable. Xa llo transmitimos neses termos e traballaremos sobre iso, pero agora a prioridade é outra.

-¿Que proposta traballa Raxoi?

-Iso falarémolo cos demais grupos. Entendemos que temos que compartir todos a resposta e as solucións que se propoñan.

-¿Se Acuaes non acepta outra vía, en que situación queda Santiago?

-Este é un problema no que o Estado terá que asumir a súa responsabilidade. E, dende logo, nós ímoslla demandar. Dáme igual que a cor política sexa coincidente ou descoincidente, o que me importa é resolver o problema de forma xusta e equilibrada e esa proposta non é nin xusta nin equilibrada.