Arte e relatos con Feiraco para celebrar as Letras Galegas

La Voz

SANTIAGO

A cooperativa láctea convoca os concursos infantís

08 may 2020 . Actualizado a las 04:50 h.

Por noveno ano consecutivo Feiraco impulsa o Día das Letras Galegas pondo en marcha o seu tradicional certame de microrrelatos e, por primeira vez, un concurso artístico para os máis pequenos, que estarán activos ata o vindeiro 31 de maio.

Para seguir incentivando a creación literaria, Feiraco anima a todos os galegos maiores de 13 anos a participar no seu Certame de Microrrelatos, compartindo as súas creacións a través dunha aplicación que está dispoñible na páxina oficial Facebook/Feiracolacteos. Unha iniciativa a que tamén quixo sumarse un ano máis a Secretaria Xeral de Política Lingüística, incentivando nesta ocasión a participación en forma de vídeo e da man do seu secretario xeral, Valentín García. A diferenza da edición anterior, establécese unha soa categoría para os participantes maiores de 13 anos, sendo necesario para participar compartir na aplicación do concurso que está subida á web de Feiraco un relato orixinal, que non debe superar os 500 caracteres incluídos espazos, escrito en galego e que comezará coa frase «Á sombra daquel carballo centenario», en homenaxe a Carvalho Calero, a quen este ano se lle dedica a festividade das Letras Galegas. Haberá tres gañadores que serán galardoados no caso do primeiro premio con catro entradas para Marcelle Natureza, un proxector e un lote de libros cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e no caso do segundo e do terceiro premio cun proxector e cun lote de libros tamén cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A novidade este ano chega para os nenos e nenas menores de 13 anos, que poden participar nun concurso artístico enviando as súas creacións relacionadas coa festividade das Letras Galegas. Haberá dúas categorías, infantil e primaria, cun único gañador en cada unha delas. Para participar tan só será necesario subir unha foto das creatividades que queiran presentarse (artes plásticas, debuxos...) e que deberán ir en liña coa idea do certame que é «Primavera de Letras» á páxina oficial do concurso en Facebook para que poidan ser valoradas. O gañador de cada categoría recibirá catro entradas para Marcelle Natureza, un patinete e un lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.