Paulo Fernández Mirás: «A Galicia do século pasado non se entende ben sen Carvalho Calero»

Publicou unha antoloxía da poesía e unha biografía da figura das Letras Galegas


SaNtIaGO / LA VOZ

«Ricardo Carvalho Calero consideraba que era un poeta sobre todas as cousas. A súa primeira intención era estudar e producir literatura. Para el a poesía sempre foi importante, aínda que como el non se incluíu na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, unha obra que continúa a ser unha referencia, non foi ben valorado e ficou máis periférico como poeta», afirma o filólogo Paulo Fernández Mirás, quen publicou este ano dous valiosos libros sobre a figura a quen se lle dedica a conmemoración das Letras Galegas: Antologia da poesia em galego, na editora Através, e Ricardo Carvalho Calero, unha vida pola Galiza e o galego, en Ir Indo.

Paulo afirma que «coñecín a Carvalho primeiro pola súa historia da literatura e pola súa gramática, e só despois descubrín a poesía e toda a súa produción literaria, co teatro e a narrativa. No traballo de fin de grao estudei a súa evolución lingüística na poesía, en especial en Anjo de terra. A partir de aí decidín estudar a súa poesía completa en galego e facer unha edición crítica, un proxecto no que vou traballar co profesor Freixeiro Mato, da Universidade da Coruña».

Na antoloxía recolle 115 poemas de oito libros, editados entre 1931 e 1990. «Incorporei as súas últimas versións. Para os primeiros libros seguín as súas escollas en Pretérito imperfeito (1927-1961), que publicou en 1980. Só non o fixen así en dous poemas, que el excluíu desa revisión, os titulados “Caza de anxos” e “Rosalía”, que considero valiosos, e non modifiquei a ortografía que el utilizou nas primeiras edicións».

Cando se lle pide que avalíe o Carvalho Calero poeta, Fernández Mirás lembra que «o profesor Francisco Salinas Portugal valorou a poesía de Carvalho como culturalista. E Carvalho respondeu a iso que o que está detrás de todo é o seu eu, que se quixo representar a si propio na poesía. É por iso que deparamos con tantos poemas biográficos, de momentos vitais que quere recuperar antes de que lle esquezan, como el mesmo refire en ocasións. Así, é unha poesía por un lado biográfica, do íntimo; tamén culturalista, polas moitas referencias cultas que mantén; e apreciamos así mesmo a constante presenza de pares e contrastes, como entre o bo e o mao. Podemos afirmar que Carvalho está na súa dimensión total na súa poesía, de moi diversas maneiras».

Entre os temas que destacan nos poemas cita «o tratamento da muller, pois podemos comprobar como o fai desde moi diversas perspectivas, desde a muller máis nova á muller madura, ou na decadencia. Hai mesmo complicidade e diálogo entre a visión da muller en Cantigas de amigo e outros poemas e na narrativa Scórpio, que son títulos moi próximos no tempo. Inicialmente está moi influenciado mesmo pola poesía en español e polas vangardas. Coa madurez vemos como fai tamén un maior uso da ironía. A súa poesía é moi potente, e nela podemos ver a evolución lingüística. Marca unha unión entre os tempos pasados e os tempos futuros, e axuda a trazar unha panorámica do que aconteceu».

Paulo Fernández, que no seu confinamento en Ordes continúa a traballar en estudos e proxectos, conclúe que Carvalho Calero «é fundamental para sabermos como progresaron a lingua e a literatura galegas no século XX, antes e despois da guerra; é unha figura basilar. E máis ca iso: a Galicia do século pasado non se entende ben sen Carvalho Calero. Non só a historia da literatura, senón tamén a propia historia do país. Poemas como “Como pudemos viver?”, do seu derradeiro libro de poesía, Reticências... (1986-1989), evidencian como é unha voz ben viva aínda hoxe, unha luz de esperanza, e como lembrarmos a Carvalho é moi positivo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Paulo Fernández Mirás: «A Galicia do século pasado non se entende ben sen Carvalho Calero»