«Unha cousa é o calendario de desescalada e outra cousa vai ser a desescalada real»

Ignacio Carballo González
i. carballo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Guinarte di que o plan para a recuperación do turismo en Santiago adaptarase á evolución da crise

03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten diante o maior reto que se lle pode presentar a un concelleiro responsable de turismo: contribuír a reanimar un sector fundamental para a economía de Santiago (20 % do PIB), derrubado pola pandemia do covid-19. Para iso, Sindo Guinarte acaba de presentar un plan de apoio ao sector baseado na reorientación das accións de promoción cara os mercados español e portugués e o turismo familiar; e nun amplo abano de accións dirixidas ao sector, como as formativas para o segmento dos eventos, o impulso a certames de éxito como Santiago(é)Tapas e o apoio aos establecementos para cumprir as medidas hixiénico-sanitarias, aspecto este no que Guinarte propugna a implantación dun selo de garantía, ao estilo do xa lanzado en Portugal, de ámbito estatal mellor que autonómico. Este plan non é pechado, senón que responderá á evolución da crise.

-O Concello lanza estas medidas de apoio no medio dun forte rexeitamento do sector turístico ao plan de desescalada anunciado polo Goberno central. Como valora esta oposición?

-Sinceramente, con mobilidade intraprovincial non vexo aos establecementos hoteleiros abrindo as súas portas e coas limitacións de aforo que se prevén, sobre todo nas dúas primeiras fases de apertura, haberá moitos de restauración aos que non lles resulte rendible. Estamos en contacto permanente co sector e, nese sentido, entendo perfectamente o seu rexeitamento. É verdade que hai algunha opción, como cociñar no restaurante para que a xente recolla alí os pratos, e a esa posibilidade si se están acollendo xa algúns establecementos. Tamén é certo que a desescalada haina que ir facendo progresivamente no marco teórico e ir preparándose para cando a mobilidade e os aforos permitan a apertura. Tamén hai que dicir que non están aprobados polo Estado nin pola comunidade autónoma protocolos respecto a como debe ser a apertura dos establecementos: mamparas de protección si ou non, distancia efectiva entre as mesas... Hai que ir facendo camiño ao andar.

-Entón o plan do Concello vai estar inicialmente ao ralentí.

-Si, inicialmente non vai estar na realidade en grande medida. Pode haber algúns establecementos que pola súa capacidade decidan abrir as súas portas, pero en xeral unha cosa é o calendario de desescalada e outra cosa vai ser a desescalada real.

-Eses protocolos non tiñan que estar xa elaborados e ser coñecidos polas empresas?

-O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), en colaboración coas comunidades autónomas, está traballando neles. Temos información de que a próxima semana ou a seguinte como moi tarde estarán publicados. Pero tivese sido razoable que se coñeceran coa suficiente antelación porque daríase un horizonte de seguridade ao sector para unha apertura con garantías.

-Santiago ten que reinventarse cara o turismo de proximidade e familiar. Están pensando en produtos concretos?

-Podemos contribuír a deseñar paquetes turísticos partindo do consenso no sector. Temos que aproveitar tódalas posibilidades.

-Ata a pandemia falabamos de Santiago como turismo cultural, relixioso, gastronómico, de eventos... Agora falamos de turismo familiar. Ten a cidade recursos para incidir nese perfil?

-A cidade ten que poñer en valor o que ten. O turismo familiar non é un turismo incompatible con valores tradicionais que a cidade oferta.

-Estou pensando nos cativos...

-Temos que ser quen de explotar os nosos magníficos parques, os espazos abertos, a Cidade da Cultura, os miradoiros. E temos que deseñar, co sector da cultura, actividades para que os máis pequenos vexan atractivo vir unha fin de semana. Non podemos improvisar un parque temático nin creo que iso lle conveña a Santiago, pero podemos ofrecer moitas pequenas cousas que, sumadas, poidan resultar atractivas. No impulso deste tipo de actividades tamén temos que traballar o sector e as administracións.

-O turismo internacional xa superaba o 50 % en Santiago. Teme que a súa lenta recuperación complique aínda máis a volta á normalidade?

-É difícil facer prognósticos. Por unha parte está a situación sanitaria en España, pero tamén nos mercados emisores. Derivada da crise sanitaria vén unha crise de confianza, un temor a viaxar. Pero iso igual que se suscitou moi rapidamente, tamén cabe a posibilidade de que rapidamente se desvaneza. A conectividade aérea e o Camiño de Santiago serán fundamentais para esa recuperación. Hai moita incerteza respecto a como se vai recuperar o tráfico aéreo internacional e tamén o Camiño de Santiago. Cremos que este ano vai ser moi difícil que se recupere o turismo internacional, pero tampouco renunciamos a el.

«Cremos que o Camiño manterá un nivel importante de atracción»

Sindo Guinarte ve no ano santo e no Camiño de Santiago, un motor de recuperación, aínda que nin un nin o outro van ser o que se prevía hai só dous meses.

-Que capacidade real se pode esperar do ano santo 2021 como motor de recuperación turística?

-É realista pensar que non vai ser o ano santo no que estabamos traballando en xaneiro e febreiro. Pero cremos que vai manter un nivel importante de atracción, e que servirá de motor de recuperación.

-Estaban programados para os próximos meses polo menos quince grandes eventos congresuais en Santiago. Vanse perder?

-Vai depender moito de como evolucione a situación no segundo semestre. Pero practicamente todos os grandes congresos que tiñamos previstos non foron cancelados, senón trasladados ao 2021. Queremos prestar apoio aos operadores porque é posible que no futuro máis inmediato os congresos teñan unha parte presencial e outra online, apoialos para que estean en condicións de competir por eses congresos.

-Antes do covid-19 o debate estaba centrado na taxa turística, a necesidade de control de afluencia e de ordenar os fluxos, a proliferación das vivendas turísticas... Todo queda relegado polo obxectivo prioritario de captar visitantes. É irreal pensar que esta é unha oportunidade para reordenar o sector?

-Hai que aproveitar esta situación no posible, tamén nesta liña. As accións que imos desenvolver para recuperar turismo non deben desviarse da liña estratéxica de promoción do turismo de calidade que queremos.

-Será tamén o momento de aplicar racionalidade á política aeroportuaria galega?

-Santiago está disposto a sentarse coa Xunta e coas outras cidades para falar do tema, pero falar de racionalizar non debe significar partir da idea de que os tres aeroportos teñen a mesma importancia, o mesmo volume de tráfico, a mesma capacidade de atracción de voos e de aeroliñas. Temos que partir da realidade imposta polo mercado, e esa racionalización dos recursos non pode ser imposta pola Administración.