Ángeles Goás: «Os contos sempre nos fan falta, e nos momentos difíciles quizais máis»

O colectivo de narradores orais galegos publica dúas actuacións na Rede cada día


santiago / la voz

Pandemia de contos. Así se denomina a iniciativa que dende o pasado día 15 desenvolve o Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) para «encher a Rede de contos e que a xente non se esqueza deles, ademais de apoiar o exemplo de illarse», explica Ángeles Goás, membro da asociación. O xermolo desta actividade, xurdida a raíz da crise sanitaria polo coronavirus, haino que buscar no día 12 de marzo, cando, despois de ver como empezaban a cancelarse as funcións e tamén se anulaba o festival Atlántica, «empezamos a pensar nalgunha acción para distraer, alegrar e facerlles máis amenas as cousas aos nenos, que dun día para outro quedaron recluídos nas súas casas». E os contadores non dubidaron en participar nesta proposta non só dirixida á cativada, senón tamén aos adultos. Todos os días publican en Facebook, Instagram e Twitter un conto para público familiar e outro para os adultos, «para quen queira escoitarnos e coñecer a variedade de narradores e a calidade que hai en Galicia».

E como está sendo a resposta a esta Pandemia de contos? «Á xente estalle gustando», responde Ángeles Goás, que engade que para o propio narrador tamén supón un reto porque «contar é fundamentalmente un diálogo co público, e facelo de xeito virtual é mais frío, porque non tes esa resposta que ti esperas ver da xente que te está escoitando [...]. Un conto varía moito de contalo hoxe con este pública a mañá con aqueloutro. Pode non ter nada que ver, iso é o bonito do noso traballo».

A situación xerada pola crise para os contadores «é preocupante», xa que «os meses de marzo e abril son bastante fortes na narración, de bastantes funcións, e agora quedan baleiros», explica Ángeles Goás, apuntando que, como todo o sector cultural, teñen a incerteza de «cando volveremos poder traballar e en que condicións. Hai moitísimas funcións que se suspenderon definitivamente, algunhas que foron aprazadas e non sabemos como quedará isto despois deste golpe». A narradora, unha habitual nos escenarios composteláns, quere ser optimista de cara ao futuro: «Oxalá puidésemos seguir enchendo ese tempo de ocio das persoas, emocionando, dando esperanzas e alegrías, que é o que fai a narración, poñer un punto bonito e de sentido na vida da xente». Nese senso, considera que «os contos sempre nos fan falta, e en momentos difíciles coma estes quizais aínda máis».

O colectivo NOGA cumpriu dous anos en xaneiro. Un encontro en Mondoñedo levantou o pano dunha entidade que naceu para «reflexionar sobre o oficio de contar e para traballar a favor da narración oral en galego. Ao fin e ao cabo, xorde dunha necesidade, que é a de poñer en común e apoiarnos, compartir as inquedanzas e gañar visibilidade como colectivo». Unha das accións nas que traballaron ultimamente era en recuperar espazos para contar a adultos e ir mellorando esta situación. «Teño visto situacións onde se organizan contos para adultos e estes levan os nenos porque os contos se relacionan moito cos rapaces», di Goás.

E como remata unha mestra tamén como contadora? «Case me dá vergoña dicilo [ri]. Cando empecei a traballar como mestra, a primeira vez que entre nunha aula de rapazada de tres anos, non sabía que choraban cando empezaba o colexio. De repente estaba con vinte e tantos nenos nunha aula e non sabía que facer. O primeiro foi contarlles un conto, e vin como aqueles nenos empezaban a mirarme, a deixar de chorar, e centrábanse nel. Podo dicir que na educación salváronme os contos», explica Ángeles Goás, que engade que descubriu a mediados dos 90 os contos para adultos. Foi no pub Atlántico, a onde ían Quico Cadaval, Cándido Pazó... «e eu non os perdía nin un só martes». Despois fixo unha formación e empezou a contar. «Por circunstancias da vida deixeino e retomeino no 2014. Antes contaba só para nenos, e despois de retomalo fágoo todo para adultos. Para nenos, ao ser mestra, tamén lles conto no colexio, polo que teño as dúas facetas cubertas», di. Tamén variou a temática das narracións. Inicialmente baseábase en contos literarios, e agora busca «esas historias ao redor de nós, as anécdotas, que ás veces son mellores que a ficción», asegura. Nesta evolución explica que foi clave o tamén narrador Celso Fernández Sanmartín, xa que a fixo descubrir «que meu pai era contador de historias» e fixarse nesa fonte de historias que tiña na súa casa. «Conto por necesidade pura e dura», sentencia Goás.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Ángeles Goás: «Os contos sempre nos fan falta, e nos momentos difíciles quizais máis»