Xabier Mera: «A nivel musical damos practicamente por perdida a tempada de verán»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Di que as contratacións de xuño a agosto péchanse agora e non se están facendo

04 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A música en directo soa agora unicamente a nivel virtual. Os concertos anulados nos locais composteláns polo estado de alarma debido a crise sanitaria do coronavirus cóntanse por decenas e as perspectivas a medio prazo non son boas para os profesionais do sector musical. «Non é só que estea todo cancelado, senón que moitos músicos e músicas vivimos do que traballamos e facturamos no verán. Dá igual que de aquí a un mes a cousa volva un pouco a normalidade, porque realmente a tempada de verán xa a damos practicamente por perdida. As contratacións para o verán péchanse agora -marzo, abril e maio- para traballar en xuño, xullo e agosto, e non se están facendo», asegura o músico compostelán Xabier Mera, vicepresidente da asociación de Músicas ao Vivo Galicia e directivo da sección en Santiago. «Non é que a tempada vaia a ser frouxa, é que vai ser practicamente inexistente», conclúe.

Esta falta de contratacións para a tempada estival, segundo indica Xabier Mera, «vai ser un grave problema de sustento económico para moitísimos músicos profesionais porque con esas facturacións do verán é coa que se soporta outros meses máis febles». A esta falta de ingresos hai que engadirlle as «casuísticas propias» do ámbito musical e o xeito de traballo, «que é por conta allea, autónomo ou ningunha das dúas, que é traballar gran parte da facturación en negro, que é algo sangrante e vén sendo un mal endémico do propio sector. E isto non é porque os músicos queiran traballar en negro». O directivo de Músicas ao Vivo engade que esta economía mergullada fai que a situación dos profesionais ante a crise se agrave «porque haberá músicos que non poderán acceder a axudas por non poder demostrar ningunha actuación cancelada».

Precisamente, por esta problemática particular, xa comezaron a traballar para demandar medidas ás administracións, que inclúen propostas fiscais como unha renda básica para os traballadores do sector, flexibilizar o pago de impostos e suspender o abono de servizos básicos para quen deixe de percibir ingresos. «O obxectivo é que se cumpra iso que din de que non quede ninguén atrás, nin eses profesionais que non poden demostrar cales son os seus ingresos porque se ven abocados de xeito endémico a traballar en negro», afirma Mera.

Esta semana, Músicas ao Vivo participou no encontro por videoconferencia convocado pola Consellería de Cultura co sector e o músico compostelán indica que están pendentes dunha reunión co Concello. Entre as medidas demandadas á Xunta atópanse a solicitude de que se declare a cultura como ben de primeira necesidade, unha redefinición da programación cultural galega a través do Xacobeo 2021 para fornecer de máis programación na que poidan participar músicos do país, medidas fiscais, continuar traballando no estatuto do artista, a axilización dos pagamentos por parte de administracións pública e a creación dun comité de seguimento mixto, entre outras.

Por outra banda, Xabier Mera explica que desde Músicas ao Vivo a proposta é que se reprogramen noutras datas todas as actuacións anuladas polo estado de alarma. «En Santiago hai e haberá moitos casos de profesionais que vexan os seus ingresos reducidos a case cero por esa dependencia da xente autónoma de que haxa programación», afirma o directivo e músico. Nese senso, no censo de Compostela é Música teñen contabilizados cerca de douscentos proxectos o que implica a máis de medio milleiros de intérpretes.

Pero non só miran as actuacións, senón que Mera lembra que outra das grandes patas económicas dos ingresos dos músicos é a docencia. Explica que neste momento son moitos os centros, tanto públicos como privados, que buscan alternativas virtuais para mantela. «O que se espera é unha redución máis que considerable do alumnado», di, xa que moitas familias non poderán seguir apostando por estas actividades. Músicas ao Vivo pediralle á administración que se manteñan as actuais contratas e «todos os traballadores, non só o profesorado».

Respecto ás actuacións pola Rede, Mera apunta que é «un xeito de manter a chama viva e a relación entre público e artista». Iso si, cree que debe camiñarse para monetarizar esta actividade porque de non ser así «redunda na idea subxacente de que a cultura non ten valor». Estima que é unha boa ocasión para explorar novas canles e ferramentas.