MJ Pérez: «No novo disco conservo a esencia, pero hai un xiro, un cambio de ritmos»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Lidya Queiruga

A cantautora arzuá introduce sons máis latinos e da música de raíz en «A luz prendida»

04 abr 2020 . Actualizado a las 21:00 h.

«Son cantautora e sempre vou selo, porque conto historias, interactúo coa xente e falo en primeira persoa, pero vállome de diferentes ritmos e colores para iso». As palabras son da arzuá MJ Pérez, que acaba de publicar o seu cuarto disco, A luz prendida, no que o pop-rock que a caracterizaba ata o momento deixa paso a ritmos máis latinos e da música de raíz. Un traballo ao que colleu de cheo a alarma sanitaria polo coronavirus. A cantautora puido amosalo en concerto ante os seus veciños durante a Festa do Queixo, pero non en Lugo, Monterroso e Ribadeo, nin mañá na sala Capitol, onde tiña previsto presentalo acompañada de toda a súa banda, composta por sete persoas.

A luz prendida amosa unha MJ Pérez diferente. «Sempre vai en paralelo unha evolución e unha transformación persoal cunha profesional e musical. Ti vas tendo novas experiencias, descubrindo novas cousas, e iso tamén se ve reflectido no momento de crear. Así me pasou a min», explica a cantautora, aínda que di que no seu anterior traballo «xa asomei un pouco a pata por debaixo da porta» nalgunha das cancións. Pero, pese ao cambio, a arzuá asegura que mantén o seu selo, que é algo que non quere perder: «O meu proxecto ten unha esencia moi clara, moi definida, e daríame mágoa perder iso. Iso tense que manter, se non o proxecto non é o mesmo. Entón esa esencia consérvase no disco, pero hai un xiro, un cambio estilístico, de ritmos». E cal é esa esencia que non quere perder? «O xeito de escribir, de cantar. Eu tiro moito de humor, de ironía, e non quero que se perda nunca», responde a artista arzuá, que estes días se esforza por darlle difusión ao disco mediante as súas redes sociais ao non poder actuar, porque «o que busco é que a xente o escoite, porque son dous anos de traballo moi intenso e o único sentido que ten é compartilo coa xente».

A luz serve de fío condutor ás quince cancións que conforman este novo traballo de MJ Pérez. «Está en todas as súas formas. Nos temas que non a mencionan ou non fan alusión a ela hai lume neles. Nada está ao azar», asegura a cantautora, que xoga cos conceptos cruzados, con acenos entre as diferentes letras dos temas. Aborda desde os que deixan Galicia en busca de novas oportunidades ata cuestións vinculadas á natureza, e incluso lle canta á propia paciencia. Ademais, explica que, aínda que pretende enviar unha mensaxe, «non quero dicirlle á xente como ten que facer, porque non son ninguén para dar leccións. Penso que é máis produtivo convidar á reflexión e a remover algo por dentro. Despois, que cadaquén xa poña as pezas no seu sitio».

Neste cuarto traballo, MJ Pérez tamén inclúe por primeira vez un tema cantado en portugués, que xa lanzara o ano pasado como un sinxelo. Deste xeito, afirma que saldou unha débeda que tiña pendente consigo mesma, xa que ten raíces lusas -súa nai é portuguesa- e xa había tempo que o quería facer, «pero para escribir unha letra teño que atoparme nela». Precisamente un dos seus obxectivos «é contribuír a tecer a ponte entre Galicia e Portugal. Hai moita xente que traballou niso, como Uxía, Narf..., e é moi necesario que cheguen novas xeracións para seguir».

MJ Pérez decidiu afrontar a gravación deste cuarto disco tal e «como me pediu o corpo», sen pensar se despois se podía levar ao directo, polo que incorporou incluso violín: «O directo é algo efémero, está e aí rematou. Un disco queda aí gravado para sempre». Pero que ninguén pese que a arzuá vai estar soa sobre o escenario coa súa guitarra nos directos: acompañarana Ailén Kendelman, Paula López, Richi Casas, María Prado, Laura Romero e Iván Bernárdez.