Xavier Méndez: «Tentamos motivar no alumnado as vocacións científicas e tecnolóxicas»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O profesor do IES Xelmírez I coordinou no Consello da Cultura Galega unha xornada sobre o ensino das ciencias

12 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous estudantes do IES Xelmírez II expuxeron onte no Consello da Cultura Galega o traballo que realizan este curso, en colaboración con persoal investigador do Cimus, para identificar fármacos para a dor; tres alumnas do Xelmírez I defenderon as análises que fixeron na zona da mina de Touro, co apoio de especialistas da Facultade de Química, para verificar a contaminación e condicións medioambientais nas zonas fluviais, un estudo co que gañaron o premio Stephen Hawking; un alumno do Rosalía de Castro presentou resultados de indagar a actividade bioquímica dos parques de Santiago con bolsas de té. Esas intervencións integraban o atractivo programa da xornada Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubes de ciencia e ao STEMbach, que coordinou Xavier Méndez, docente do Xelmírez I, no Consello da Cultura Galega.

«Houbo outros relatorios moi impactantes, como un do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, que se centrou no CanSat, un proxecto da Axencia Espacial Europea, que consiste na simulación dun satélite real integrado dentro do volume e da forma dunha lata de refrescos; ou prácticas de alumnado de secundaria de Dices-Rois relacionadas coa Bioloxía, e que indicaron a complexidade de gravar a actividade nocturna dunha curuxa. Nas sesións estivo tamén un centro de Cambre. E houbo experimentos de Química e outras disciplinas en dependencias do Consello da Cultura Galega e na praza do Obradoiro. Con estas actividades tentamos motivar no alumnado as vocacións científicas e tecnolóxicas», manifesta este docente.

Participaron activamente representantes do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Educación. «Nesta xornada destacamos o interese dos clubs de ciencia e do STEMbach, ou bacharelato científico, que se comezou a implantar e que supón unha conexión moi valiosa coa universidade, como se evidenciou en exposicións de traballos que foron orientados por profesorado da USC en colaboración con docentes de institutos», acrecenta Xavier.

O Xelmírez I é un dos seis institutos que ten a consideración de «histórico» pola Xunta. «Por iso se considerou apropiado promover unha actividade como esta dentro do 175 aniversario do centro, que se está a conmemorar. Está ben que se coñeza e se preserve o patrimonio destes centros. Por iso, pola tarde, tivemos unha visita á biblioteca e ao laboratorio histórico de ciencias do Xelmírez I. O alumnado e docentes que participaron nesta xornada puideron ver material pedagóxico que se empregaba xa no século XIX, auténticas xoias do noso patrimonio pedagóxico para o ensino, moitas delas compradas en Francia e algunhas aínda con uso didáctico até hai pouco», manifesta.

Xavier Méndez valora que «a pesar de que hoxe hai moitos máis centros de ensino na nosa comunidade, só de secundaria máis de 200 públicos, continúa a ser necesario dar un pulo ás vocacións das disciplinas denominadas STEM, ou de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, e especialmente entre o alumnado feminino. Son adolescentes que nas etapas da secundaria e do bacharelato toman decisións importantes para o seu futuro e debemos favorecer que no ensino posobrigatorio tomen boas decisións».

Entre os relatores de onte no Consello da Cultura Galega, Rafael Sisto, o alcalde de Teo, quen é docente de Física e Química e doutorado en Ciencias da Educación, que falou dos gabinetes de ciencias do vello instituto de Santiago; un traballo que realizou hai anos tras investigar no patrimonio conservado no Xelmírez I. O centro celebra hoxe a actividade Coidadores do río Sarela, tamén polos seus 175 anos.