Adeus a José Luis Negreira Novo, Rubio de San Salvador

e. f. SANTA COMBA / LA VOZ

SANTIAGO

José Luis Negreira, Rubio de San Salvador, no centro da fila superior na súa etapa de xogador do Xallas
José Luis Negreira, Rubio de San Salvador, no centro da fila superior na súa etapa de xogador do Xallas CEDIDA

Foi un emblemático futbolista da Costa na época dourada do Xallas, na década dos oitenta

11 mar 2020 . Actualizado a las 16:56 h.

Pesar na comarca do Xallas polo pasamento, aos 63 anos de idade, de José Luis Negreira Novo (Rubio de San Salvador), traballador do Concello de Santa Comba que fora emblemático futbolista da Costa na época dourada do Xallas, na década dos oitenta, despois dun paso previo polo Negreira. Rubio de San Salvador compartiu vestiario na Costa con Sieso de Cee, Tito (pai de Adrián Vázquez, adestrador do Dubra), Camacho, Sanchiño, Framil, Carteiro, Tino de Tinolo de Laxe, Bascoy, Evaristo, os irmáns Romar (Manolito, Pepe e Biri), Ricardo Carracedo ou O Rubio da Graseira.

No Xallas, Negreira Novo tivo unha curiosa anécdota político-deportiva, dado que cando foi campión de Liga da Copa de Primeira Rexional tiña como compañeiro a Miguel Pérez, que foi alcalde de Santa Comba; como adestrador a Ernesto Rieiro, que foi alcalde de Zas; e como membros da directiva a Antonio Landeira pai, que foi edil en Santa Comba, e a José Luis Pérez, alcalde de Laxe.

Rubio tamén tivo na súa traxectoria deportiva un paso polos banquiños, fugaz aínda que moi fructífero. Adestrou ao Xallas xuvenil 1988-89 co que acadou o título de Liga da Costa, xogou a promoción de ascenso a Liga Galega e conseguiu subir a doce dos seus xogadores ao primeiro equipo de preferente, unha categoría case que inalcanzable para un equipo da Costa hai trinta anos.