Luís Caramés Viétez: «Esta vida só pode ser vivida se lle botamos unhas pingas de humor»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Xubilado pero non retirado, presume de home de mundo que non esquece o propio

09 mar 2020 . Actualizado a las 08:30 h.

Nome. Luís Caramés Viéitez (Pontevedra, 1949)

Profesión. Catedrático de Economía Aplicada da USC

Recuncho elixido. Paseo da Ferradura, ao carón da estatua de Valle-Inclán, cunha vista «marabillosa» da Catedral de Santiago

Criado entre Pontevedra e Cerdedo, onde os seus pais tiñan unha academia, Luís Caramés deixou claro, xa de mozo, que ía por libre. «Fixen o bacharelato elemental cos meus pais e logo vin para Santiago, interno en La Salle. Eran anos grises nos que non saiamos de paseo máis que os xoves e os domingos en filas de tres ata Porta Faxeira. Non tardei en aprender a fuxir para ir ao cine». Un verso solto que se confirmou na universidade, cando malia elixir a carreira de Económicas, escribía, lía, colaboraba cos xornais e gustaba da literatura. «Era un estudante atípico», admite. Daqueles anos recorda a convivencia no colexio con persoeiros de Santiago que logo terían moito que ver na súa vida, como Xerardo Estévez, ou os debates políticos e ideolóxicos que animaban as tardes na residencia da Estila e nos que tamén participaba Emilio Pérez Touriño.

Finalizada a carreira, pasou un ano en Málaga, e xa de volta comezou a dar clases na cátedra de Economía Política de Dereito, con Carlos Otero Díaz. «Un bo tipo de Chantada, unha magnífica persoa que logo sería conselleiro maior do Consello de Contas». Compatibilizaba esas clases coas que impartía na Escola Naval de Marín, e as viaxes eran toda unha aventura. «Non había autoestrada e íamos pola estrada que chamabamos a Paralela, por Cuntis. Unha experiencia tan interesante como atarefada». Logo marchou a Bordeos, onde rematou a tese e onde non desaproveitou a oportunidade para mesturarse na sociedade e na cultura francesa. «Inculcáronme un culto polo bo viño que aínda non esquecín. Gardo un magnífico recordo. Eu son francófono», di. Á volta comezou unha estreita relación con Fuentes Quintana, que fora vicepresidente do Goberno e figura inesquecible dos Pactos da Moncloa, e que presidiu a súa cátedra. Comezaban a súa andaina os anos 80, «e había na facultade un dinamismo político e académico moi interesante». Neses tempos inquedos foi elixido decano e foi quen, malia as dificultades, de capear o temporal. «Creo que acadei unha convivencia axeitada nuns anos nos que a facultade abríase ao mundo económico e empresarial e que se foi profesionalizando cada vez máis». Económicas fervía e Caramés coincidiu en debates e discusións co profesor Xosé Manuel Beiras, «aínda que el daquela xa estaba máis no mundo político».

Un ano antes de rematar o seu mandato como decano foi elixido, sendo González Laxe presidente da Xunta, primeiro presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, una experiencia coa que abriu unha nova etapa como asesor e experto en economía e ciencias sociais que sería, na súa vida profesional, tan importante como a académica. Dende ese organismo que presidiu primeiro con Laxe e logo con Fraga, recoñece que viviu «momentos inesquecibles» porque se sentaron as bases das relacións entre empresarios, sindicatos e traballadores e se puxo fin a abusos laborais como os que vivían, daquela, as mulleres galegas do téxtil. «Coñecín moito da natureza humana e da sociedade», admite recordando unha etapa que rematou cando, nunha proba máis do seu espírito libre, decidiu presentar ante Fraga a súa dimisión.

A piques de rematar a súa careira docente ingresou na Real Academia de Ciencias Políticas e foi nomeado vicepresidente no consello de administración de Adolfo Domínguez. E hai tres anos creou o Grupo Colmeiro, un espazo de debate independente e plural, ao xeito do seu fundador.

Repasa a súa vida no Paseo da Ferradura, ao lado da estatua de Valle-Inclán, «figura da que aprendín que esta vida só pode ser vivida se lle botamos unha pinga de humor». Di que sentarse á beira do pai do esperpento é «reconciliarse co imposible».

«Non é normal que os turistas fiquen na améndoa un día e marchen sen saber o que é Sar»

 

 

Luís Caramés pensa que a universidade, que tan importante foi na súa vida, non atravesa os mellores momentos. «Atreveríame a dicir que hai no mundo universitario, en xeral, unha certa falta de movementos contra a rutina. A actitude é un pouco acomodaticia, e iso non é bo. A universidade ten que ser crítica».

Non é moito máis optimista na visión dunha cidade que coñece ben por ter vivido nela desde neno e por ter partillado na súa construción máis recente, mesmo como director do Plan Estratéxico. Pensa que a crise sumiuna nunha serie de incertezas das que non foi aínda quen de saír. «Faltoulle durante tempo unha tensión na xestión da cidade que parece que a sumiu un pouco nas loitas políticas de todo o que está a pasar». Iso si, «o Camiño, como nunca», ata o punto de que di, con retranca, que «o mellor sería facer de toda Galicia un camiño». Cre que hai que repensar o turismo para frear «ese rexeitamento que se pode xerar na poboación local», pero tamén para seducir ao visitante. «Non é normal que os turistas fiquen na améndoa un día e marchen sen saber o que é Sar».

E iso que el está convencido de que Santiago ten un gran potencial, e que se ben é certo que presenta debilidades na área económica e que nin é nin será unha cidade industrial, hai campos vinculados á universidade e á comunicación que merecen ser pulsados. «Todo o que ten que ver coas ciencias da saúde, coa imaxe, co audiovisual...»

Nesta nova etapa, escribe, pasea e viaxa. Defínese como «home de mundo» pero que non perde de vista o propio «porque sempre hai que ter unha referencia». Quizais por iso agora Compostela a percorre e a goza a pé.