Xoán Eiriz: «Despois de quince discos logrei rexistros que nunca fixera»

La Voz

SANTIAGO

MARCOS MÍGUEZ

O cantante coruñés sacou á luz «Poemas de amor en outono» no que pon voz a versos de Toño Núñez

25 mar 2020 . Actualizado a las 23:54 h.

En maio, Xoán Eiriz (A Coruña, 1956) iniciará a xira co seu décimo quinto disco, Poemas de amor en outono. Trátase, ademais, do primeiro que lle dedica unicamente a un poeta, neste caso Toño Núñez. Con el achégase cada vez máis ao seu soño: alcanzar os 18 traballos.

-É un disco a tres bandas. Vostede pon a voz, a poesía é de Toño Núñez e da música encargouse Nacho Varela.

-Naceu dun xeito moi natural e espontáneo no pasado marzo e saíu o 18 de Nadal. Hai dez poesías de Toño Núñez do seu libro homónimo. Díxome que lle gustaría que lle musicara unha canción, Canto, que escribiu para a súa muller. Eu, encantado, paseillas ao compositor Nacho Varela para que me botara unha man e, ao final, fixo el todas as composicións. Despois, liámonos e fomos outra, outra e outra... e acabou nun disco de dez cancións. Na poesía de Toño hai moita música e Nacho soubo convertela en cancións. Foi un proxecto feito en equipo e con moito agarimo.

-Foi moi difícil a selección entre os 55 poemas do libro?

-Foi un acordo entre os tres. A poesía de Toño é moi rica, entón non foi fácil seleccionar dez temas porque todos eran moi bonitos. Estes foron os que máis nos convenceron, tanto a min para cantalos como a Nacho para musicalos. Trátase dun traballo moi ecléctico, hai diferentes estilos mesturados: soul, blues, un rock moi sutil sen perder o elemento lírico da miña voz, jazz..., e, por enriba de todo, hai moito pop. O disco estano recibindo con moito agarimo e xa me comentaron varias persoas que cada canción ten vida propia, a súa identidade; é coma se cada canción formara un disco. Este eclecticismo é para min un logro importantísimo. Tratei de facer novas formas de cantar, de interpretar. Despois de 30 anos cantando e quince discos, conseguín uns rexistros que nunca fixera e isto deixoume moi satisfeito.

-Nas letras di: «Canto porque quero cantar para matar o medo». Por que canta Xoán Eiriz?

-Para amosar os meus sentimentos, para amar, para desfrutar, é dicir, para vivir.

-Na primeira canción recolle: «Son semente da nosa fala». Sempre cantou en galego, é a música unha canle para estender a nosa lingua?

-Desde que comecei a cantar sempre tiven unha teima: amosar a universalidade e versatilidade da nosa fala para poder cantar calquera tema. Noutros discos dedícome a verter ao galego outros temas, como My way. E si que pode facer moito pola nosa lingua, porque a música é a arte máis universal.

-En cada disco busca un reto novo?

-Sempre trato de aportar algo novo. Para min os estilos musicais, nos meus gustos, non hai fronteiras. Canto desde un rock and roll ata un pasadobre. Sempre intento evolucionar. Este é totalmente diferente dos anteriores.