Ollada á represión franquista no Museo do Pobo

La Voz

SANTIAGO

Cedida

«As pequenas cousas» abre o sábado e recolle obxectos, cartas, documentos e fotos de represaliados

27 feb 2020 . Actualizado a las 13:10 h.

Obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo conforman As pequenas cousas, a exposición que parte do proxecto Mapas da Memoria, impulsado polo Centro de Estudios de Memoria y Derechos Humanos da UNED en colaboración coa Deputación de Ciudad Real. Esta mostra poderá verse por primeira vez en Galicia a partir deste sábado no Museo do Pobo, onde formará parte das actividades da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. A inauguración será ás 12.30 horas.

As pequenas cousas ten como núcleo central doce paneis e incorpora -grazas á coordinación técnica do persoal do Museo do Pobo Galego- novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos. Así, entre os obxectos, atópanse botóns de puño de esmalte que pertenceron a José Rodríguez Silvosa, xastre de Lugo asasinado en 1938; unha reprodución do retrato que realizou o arquitecto Jordi Tell ao artista Mario Granell no cárcere de Lugo, ou a lembranza das Marías, iconas da resistencia á represión franquista. A mostra poderá verse ata o 19 de abril.

Como acto previo á inauguración, o antropólogo e comisario da exposición Jorge Moreno Andrés presentará o libro El duelo revelado. Estará acompañado de familiares que cederon os seus obxectos a través da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.