Loaira Martínez: «Máis de 70 centros ensinan portugués na ESO e precisan máis especialistas»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Presidenta da Associação Docentes de Português na Galiza, demanda máis prazas e que haxa unha maior estabilidade

26 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Educación incluíu 4 prazas de docentes de portugués na recente oferta de emprego público. «Foi unha sorpresa, pois en decembro, cando avanzaron a convocatoria, non había ningunha. Tivemos o apoio de sindicatos, de entidades como a Academia Galega da Língua Portuguesa, a Associaçom Galega da Língua ou a Mesa pola Normalización Lingüística, mesmo da Comunidade de Países de Língua Portuguesa, e vemos que esa mudanza por parte da Xunta está moi ben e é moi positiva, aínda que insuficiente. Hai que ter en conta que, segundo os últimos datos oficiais da propia consellería, do ano 2018, máis de 70 centros ensinan portugués na ESO e precisan máis especialistas na disciplina para atender ben a demanda do alumnado», afirma Loaira Martínez, presidenta da Associação Docentes de Português na Galiza.

En Santiago e na súa área metropolitana ensinan portugués 11 centros, segundo ese relatorio a que se refire Loaira: os institutos Xelmírez, Rosalía de Castro, San Clemente, Antonio Fraguas e As Fontiñas, en Compostela; o Maruxa Mallo e o Número 1 de Ordes; e os de Melide, Arzúa, Cacheiras (Teo), e o Xulián Magariños de Negreira. «O de Melide é o único que ofrece portugués como primeira lingua estranxeira, e tamén como segunda lingua; nos outros centros é segunda lingua ou materia de libre configuración», esclarece.

O ano pasado houbo as primeiras oposicións para docentes de portugués na ESO, tamén de catro postos: «Foi mesmo peor que este ano, pois non se contaba con esas prazas, non deu tempo de preparar as probas, non había temarios, resultou todo precipitado. Para cumprir a Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, é preciso que se convoquen más prazas de docentes de portugués, e reivindicamos tamén unha maior estabilidade», manifesta.

En moitos centros «quen se ocupa de ensinar portugués é o profesorado de galego. Iso non está de todo mal, aínda que hai especialistas en portugués, 25 na lista de contratación da Consellería de Educación, que por certo tamén este curso se coñeceu tarde de máis; e sería o lóxico dotar os centros con especialistas», acrecenta Loaira.

A maiores da reivindicación na secundaria «tamén estamos a facer unha campaña para ampliar a presenza do portugués nos centros de Formación Profesional, que é moi escasa, cando é unha lingua moi interesante para ese nivel de ensino. Todo sería máis simple se a Xunta se implicase como o está a facer hai anos o goberno autónomo de Estremadura, que fixo maiores esforzos, cando aquí a relación con Portugal e coa lingua portuguesa é moito máis intensa e abre maiores posibilidades».

Loaira ten experiencia no ensino público e no privado. Afirma que «o alumnado galego responde moi ben, e así se está a comprobar nas aulas, tanto no ensino curricular como no non regrado. Na miña experiencia de ofrecer cursos de portugués, ou as actividades O Português Simples, ou OPS!, en centros de Compostela e outras cidades, notei sempre interese e atención».

Nun recente «Parecer», a asociación que preside Loaira salienta o esforzo continuado dos axentes sociais para que avance o ensino do portugués nos centros galegos, aínda que «devagar», e insisten en reclamar a convocatoria regular de máis postos para o ensino, para así dar cumprimento á Lei Paz Andrade. Valoran, porén, que promover o portugués en Galicia «é motivo de alegría» e por iso celebran a recente convocatoria das oposicións «e reiteramos a nosa disposición a colaborar no que se nos pida para avanzar máis», di Loaira.