Henrique Rabuñal: «Carvalho Calero tivo un alto sentido de servizo ao país e de buscar consensos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

«Gozaba dun enorme prestixio, representaba moitas cousas para a miña xeración», di o autor do ensaio biográfico «Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra»

01 mar 2020 . Actualizado a las 15:36 h.

Para Henrique Rabuñal, Ricardo Carvalho Calero «ocupa na historia do país un lugar sobranceiro ao carón dos máis grandes, de moitos dos seus mestres e amigos e próximo daquelas figuras a cuxo estudo entregou unha parte substantiva da súa vida». Así o defende en Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, libro editado por Galaxia, onde estuda o autor a quen este ano se lle dedica a celebración do Día das Letras Galegas. Un traballo que elabora a semellanza da estrutura de Scórpio, e onde «Dolores», «Castelao», «Salvador Lorenzana», «Unha xornalista», «Un poeta dos 80», «Unha historiadora da Literatura» e outras narradoras e narradores expoñen os 12 capítulos que integran as 200 páxinas do volume, que finaliza con bibliografía de e sobre Carvalho. No lanzamento en Compostela tivo a compañía de Manuel Portas, colega de profesión.

Rabuñal non foi alumno de Carvalho Calero na Facultade de Filoloxía da USC «porque fixen os tres primeiros anos da carreira na Coruña e cando cheguei a Compostela xa estaba xubilado. Tiven tratamento estreito con el e unha relación sempre moi cordial. Gozaba dun enorme prestixio para a miña xeración pois representaba moitas cousas, como a continuidade do galeguismo histórico, a súa ollada científica sobre a lingua e a literatura, e tamén sorprendía que, xa xubilado, publicase Scórpio, unha narración de tanta novidade e transgresora», afirma.

Rabuñal inclúe un capítulo sobre a presenza de Carvalho despois da morte, entre 1990-2020 «para evidenciar como é unha figura moi querida por moitos discípulos, amizades, en xeral polo profesorado de lingua e literatura formado nas décadas de 1970 e 1980 e seguramente moito máis. Contra o seu silenciamento en instancias oficiais, fago unha achega sobre a reivindicación, a presenza, a cantidade de libros, obras, congresos, exposicións e actuacións moi diversas ao redor da súa persoa. Comezando pola sociedade civil de Ferrol, a súa cidade natal, e Ferrolterra, que o homenaxearon e honraron de diversas maneiras; ou os dous volumes coordinados polo profesor José Luís Rodríguez, editados polo Parlamento de Galicia e pola USC; e outras obras que elaboraron Martinho Montero Santalha, Aurora Marco, Pilar García Negro e moitas máis persoas. Penso que era necesario lembrar agora todo iso».

Sobre o ideario lingüístico de Carvalho, e o reintegracionismo, aspecto que foi polémico nas últimas décadas, e aínda o é, valora que «Carvalho defende sempre un galego correcto, erudito, científico. Un uso consciente e non oportunista do idioma tomando posición, a posición reintegracionista [de confluencia co portugués], para establecer a norma culta da lingua porque ‘Non estamos sós’ [título dun artigo que publicou en La Voz de Galicia]. O seu reintegracionismo é unha forma de galeguismo, unha posición desde a que entender a situación diglósica da lingua e detectar o pseudobilingüísmo».

Ao se lle pedir unha valoración da figura, coa perspectiva de 30 anos desde a súa morte, Rabuñal manifesta que «Carvalho Calero tivo un alto sentido de servizo ao país e de buscar consensos, sempre con tolerancia, para resolver grandes temas que podemos chamar de país. A súa actividade intelectual foi moi intensa e o conxunto da súa obra é inmensa, en cantidade e en valor, e iso pretendo comunicar neste libro, dunha maneira amena, non pensando só en especialistas, dando a coñecer os moitos fíos do seu mundo para que o lector, despois, poda tirar do que lle interese para profundar. Verá unha figura moi pouco atraída polos cargos da oficialidade, da Administración autonómica que se configuraba; un Carvalho que se movía en espazos que estaban mesmo en contradición con aquel poder».