Gustavo Almeida: «Son unha mestura de Jorge Drexler, Caetano Veloso e Alejandro Sanz»

La Voz

SANTIAGO

emilio moldes

O cantante brasileiro empeza xira en Santiago ensinando os temas de «Vértice» tal e como naceron

20 feb 2020 . Actualizado a las 04:50 h.

Hoy • Casa das Crechas • 21.00 horas • 5/7 € • Gustavo Almeida (Río de Janeiro, 1978) chegou a Galicia hai máis de 20 anos para xogar no Celta de Vigo. A carreira futbolística non foi como soñaba o brasileiro, que acabou atopando un refuxio sobre os escenarios. Leva catro discos ás costas, Vértice o derradeiro, co que comeza unha nova xira esta noite en Santiago. Entre as súas próximas paradas, Pontevedra en marzo e Ourense en abril.

-«Vértice» xirou o ano pasado por salas de toda España, pero este ano soará de forma distinta, ¿cal é esa nova fórmula?

-Serán uns concertos en acústico, acompañado de voz e guitarra, e coa proximidade de ter a xente máis cerquiña e escoitar ás cancións do disco dunha forma máis espida, tal e como foron compostas.

-David Otero vén de rescatar un éxito de El Canto del Loco («Una foto en blanco y negro») tal e como foi composta. No seu caso, ¿qué o leva a mostrar todo un disco no estado de orixe?

-Na música sempre tes que dar algo novo á xente para xerar contido. Desa forma o público pode escoitar as cancións, que no disco soan dunha forma tan grandiosa, tal e como naceron. Con este formato vénse espidas, coma na súa orixe. A xente que xa as coñece terá na cabeza eses arranxos do disco, pero ten a ocasión de ver ao propio creador cantando o tema tal e como naceu. É algo que a min sempre me gustou. E nestes concertos de cerca o que me encanta é ver esa reacción da xente cando está escoitando algo por primeira vez, como cando probas un prato novo.

-Para os que non o coñezan, ¿a que diría que soa «Vértice»?

-Dicía o meu produtor nunha entrevista que Gustavo Almeida naceu no Brasil e na metade da súa vida veu para Europa e absorbeu dun lado e outro a súa musica de autor e pop. O resultado crea fruto raro. Eu diría que son unha mestura de Jorge Drexler, Caetano Veloso e Alejandro Sanz. Son tres artistas que consumín e, loxicamente, atopo esas tres vertentes na miña música.

-Fala do produtor, Mañó, integrante de Presuntos Implicados, ¿como foi traballar con el?

-De entrada, é un traballo que sabes que vai ter un bo resultado, que vai ser do mellor no mercado. E, por outro lado, el entende as miñas orixes, porque é un amante da musica brasileira. É un dos peixes gordos da produción e estar o seu carón é un aprendizaxe, porque ten unha enciclopedia musical no seu disco duro, no cerebro. Gravar con el é coma un curso de música paralelo.

-¿Ten preparado algo especial para este comezo de xira?

-Sempre hai algún agasallo. Eu trato todos os concertos dunha forma distinta. Pode que sexa unha utopía, pero a idea é cada concerto non sexa coma o de onte.