Galicia celebra o Día de Rosalía cociñando o Caldo de Gloria

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

Máis de 180 locais de toda a comunidade xa se sumaron á iniciativa

19 feb 2020 . Actualizado a las 05:10 h.

A Fundación Rosalía de Castro de Padrón chama a participar na iniciativa Caldo de Gloria para conmemorar o 24 de febreiro, día no que naceu a escritora hai 183 anos. A día de hoxe, máis de 180 locais de hostalaría de toda Galicia xa se sumaron á iniciativa, entre eles os de Padrón e comarca, que servirán o caldo xa nesta fin de semana. Á conmemoración tamén se unen numerosos Concellos galegos, entre eles os do Sar.

Nesta cuarta edición, o encargado de preparar o día 24 o Caldo de Gloria na Casa-Museo de A Matanza será o cociñeiro padronés José Antonio Rivera, do restaurante Chef Rivera, referencia gastronómica das Terras de Iria. Estará acompañado, como en anos anteriores, por tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas, que elaborarán os tradicionais bolos do pote.

Con esta iniciativa, a fundación padronesa busca que «toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema Miña casiña, meu lar de Follas novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller».

Deste xeito, quere que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da gastronomía popular e das leccións que dá a protagonista do poema: «como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades», segundo explican dende a fundación.

Os actos conmemorativos do día 24 arrancan ese día cun acto institucional en Santiago, no Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada a escritora. Antes, a primeira hora da mañá, haberá unha alborada na Praza de Vigo e unha ofrenda floral na estatua da Alameda. Xa pola tarde, os actos serán en Padrón, co Caldo de Gloria que cociñará o Chef Rivera na Casa de Rosalía, seguido do concerto de Sabela King & Benjamín Vázquez. Ademais, este venres no Pazo de Lestrove será a presentación do número catro da revista Follas Novas e o sábado, en Narón, farase a plantación da Figueira de Rosalía.