Arantza Portabales: «O Santiago no que estudei era o dos locutorios, do Blaster e do Pérez»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Sempre foi lectora pero nunca escribira, ata que chegou aos corenta e a historia mudou

16 feb 2020 . Actualizado a las 21:43 h.

Nome. Arantza Portabales Santomé (San Sebastián, 1973).

Profesión. Interventora na Xunta. Escritora.

O seu recuncho. Despois do semáforo do Pombal, «o único no que paga a pena parar», esta é a mellor vista da Catedral.

Naceu en San Sebastián, filla de emigrantes, e aos doce anos, máis pola súa nai que polo sei pai, a familia volveu a Galicia. Aquilo foi «horrible, non o superaba, non é o mesmo regresar desde Donosti nun mundo globalizado que daquela», conta Arantza Portabales. Ela, que ía case un ano adiantada en moda e cine respecto das súas amigas de aquí, «eu dicíalles, vanse levar uns pantalóns que se chaman Chevignon, e outros que se chaman Pepe, e non o crían». Ademais, di, o cambio colleuna xusto cando espertaba: «Sempre fun unha nena de estar encerrada na casa e ese ano despeguei».

O trauma debéuselle de ir pronto, porque lembra a puberdade «como a mellor época de miña vida, en canto empecei o bacharelato pasábao tan ben que me namorei totalmente de Galicia». Lembra cando viñan a Marín en vacacións, desde San Sebastián, naqueles trens de ferro que plasmou en O libro dos trens, de Galaxia. «Dezaseis horas de viaxe, e miña nai cando avistaba isto sempre dicía, ‘xa cheira a Galicia’, aínda que a min non me cheiraba», admite.