As limitacións da lei de datos

SANTIAGO

15 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das vantaxes da era dixital é a capacidade de resolver cuestións administrativas a distancia, cando menos para quen ten os medios e a pericia para iso. Non é a pericia a cuestión que me ocupa agora mesmo, aínda que non é menor para quen, xa con certa idade, se ten que entender cunha máquina nunha oficina -por indicación da ventanilla, segundo me relatan- para facer unha petición burocrática. A exposición pública do analfabetismo dixital pode doer tanto como antes o da escrita.

Pero tamén frustra que mentras se nos venden os beneficios da xestión non presencial desta nova era, a normativa sobre protección de datos veña a poñerlle obstáculos. Non polo contido da lei (non serei eu quen lle poña reparos aos seus obxectivos), pero si probablemente pola curiosa extravagancia deste país de lexislar en ocasións sen dispor os medios necesarios para a aplicación deses postulados ou sen contemplar os seus efectos colaterais na xestión do día a día dos cidadáns.

Non lle atopo outra explicación ao feito de ter que comparecer nun hospital ou nun centro de saúde para que o Sergas confirme a unha paciente se lle manteñen a cita médica orixinal despois de térllela movido de xeito unilateral. Por teléfono non se pode. Cousa de protección de datos, contestan. Se hai algún modo de resolver a distancia, neste caso non se explicitou á interesada. Sen comentarios! Aínda que teño que dicir que a miña capacidade de asombro sobre as incidencias imprevistas da aplicación desa lei estaba curada hai meses, cando esa normativa valeu de explicación inicial en Urxencias para negarme a información de onde se atopaba un familiar que ingresara só nese servizo.